'Go Home', a nova comedia negra de Tito Asorey, estrearase na Estrada

O turismo e a xentrificación protagonizan a obra que verá a luz en marzo
David Amor e Josito Porto en 'Go Home'. (Foto: Etiqueta Negra)
photo_camera David Amor e Josito Porto en 'Go Home'. (Foto: Etiqueta Negra)

Go Home é a nova obra de teatro dirixida por Tito Asorey e protagonizada por David Amor e Josito Porto. Esta comedia negra estrearase na Estrada (comarca de Terra de Montes) o próximo 21 de marzo e tamén se representará tanto na Coruña, dentro do marco do Encontro Mundial de Humorismo, como en Viveiro (A Mariña).

As entradas para estas tres funcións xa están á venda. Ademais, tamén pasará por Noia (na comarca homónima) e proximamente desvelaranse máis datas da súa xira polos escenarios da Galiza.

Nesta obra, producida por Etiqueta Negra, aparecen indispensábeis da escena galega, como o do propio director, Tito Asorey –coñecido por estar detrás de obras de sona como Fariña, A lúa vai encuberta ou Somos criminais–, ou os actores David Amor e Josito Porto, que se asocian nesta ocasión con grandes figuras da dramaturxia galega como José Prieto, José Faro, Laura Iturralde, Patricia Ferreira ou Xabier Porto

Turismo e xentrificación

Trátase dunha comedia comprometida coa realidade e que conta cun elenco de luxo para tratar unha das temáticas máis de actualidade neste momento, especialmente a raíz da celebración do último Xacobeo: o turismo e a xentrificación.

Go Home é unha peza teatral que observa o mundo cara a cara, así como as súas problemáticas asociadas á Galiza. Conta a historia de David, un fanático das viaxes que xa fixo todas as aventuras que as axencias de turismo poden ofrecer. Ou polo menos iso pensaba. 

Unha aventura sorpresa que o leva a pasar a noite no Cebreiro, punto de partida do Camiño de Santiago na Galiza e dunha peripecia na que David, o protagonista gozará de emocións de grande intensidade.

Comentarios