O galego, máis unha vez, marxinado no Son do Camiño

Apenas unha ducia de artistas galegas e galegos dunha listaxe que conforman case 50 músicos e bandas. Aliás, só catro cantan en lingua galega.
Detalle do cartaz do Son do Camiño 2022.
photo_camera Detalle do cartaz do Son do Camiño 2022.

O festival de música O Son do Camiño, cuxas dúas últimas edicións non se puideron celebrar por mor da crise sanitaria —a pesar de que en 2021 si houbo un pequeno ciclo de música—, vén de presentar o seu cartaz deste ano, que se celebrará os días 16, 17 e 18 de xuño no Monte do Gozo (Compostela).

As artistas galegas, máis unha vez, fican relegadas a un segundo plano cun escaso protagonismo, a pesar de tratarse dun evento financiado pola Xunta da Galiza a través do programa Xacobeo 2021-22.

Así, a quinta feira, día 16, abren o cartel artistas internacionais como The Chemical Brothers, C Tangana, Foals, Jhay Cortez, Sebastián Yatra ou Kase.O.

Nun segundo plano o festival sitúa ás galegas Guadi Galego, Boyanka Kostova, The Killer Barbies, Furious Monkey House e Sen Senra. Só as dúas primeiras cantan en galego.

Cartaz completo do Son do Camiño 2022.
Cartaz completo do Son do Camiño 2022.

A sexta feira será a quenda de Liam Gallagher, Anuel AA, Justice, Anne-Marie, Editors, Duki, Justin Quiles ou Timmy Trumpet, e a representación galega corre a conta de Budiño, Kings of the Beach e Wöyza & The Galician Messengers.

Finalmente, o sábado lideran o cartel Tiësto, Jason Derulo, Dani Martín, Nathy Peluso, Nicki Nicole, Khea, La M.O.D.A. e Rigoberta Bandini, unha das competidoras no Festival de Benidorm das Tanxugueiras, que fican fóra do festival.

Si estarán as e os galegos Triángulo de Amor Bizarro, Pablo Lesuit, Escuchando Elefantes e Cora Velasco.

Comentarios