Un Son do Camiño “Perseidas” que discrimina o galego

O Monte do Gozo acollerá este ano unha edición especial do Festival Son do Camiño, o Son do Camiño “Perseidas”. No cartaz, que se coñeceu na mañá da sexta feira, apenas hai representantes da música galega nin presenza feminina.

Unha edición do Festival O Son do Camiño. (Imaxe: O Son do Camiño).
photo_camera Unha edición do Festival O Son do Camiño (Imaxe: O Son do Camiño).

Con limitación de capacidade e todas as medidas de seguridade. Mais non só. Tamén cunha presenza abafante de música española e con apenas representantes da música galega. Así será a edición especial do Festival Son do Camiño “Perseidas”.

Unha crítica que xa se formulara, ao igual que a escasa presenza de mulleres, na presentación do festival en marzo de 2020. Unha edición que tivo que ser cancelada a causa da pandemia.

Na mañá da sexta feira presentaron o cartaz, no que destaca a presenza de músicos españois como Rozalén, Vetusta Morla, Izael, Raphael, Melendi ou Loquillo. Así, o día 14 de xullo actuarán Rozalén e Guadi Galego; o 15, Camilo e Pablo Lesuit; o 16, Andrés Suárez, Xoel López e Sabela; o 17, Vetusta Morla e Furious Monkey House; o 22 Ara Malikian; o 24 Beret e David Rees; o 29 Estopa e o 30 Izal e Maren.

En agosto, o día 7 actuará Loquillo e o 8 Melendi.

Queixas nas redes sociais

O cartaz provocou na mañá da sexta feira as primeiras reaccións nas redes sociais: “Un cataz horríbel que case non leva artistas nin música en galego. Máis unha vez O Son Do Camiño e a Xunta non confían nin invisten na nosa cultura”.

“Era unha oportunidade para reivindicar os artistas en galego (que temos moitos e de calidade) e a sensación é que poderían ter máis protagonismo. É complexo programar para un festival tan grande nesta situación, pero había ganas de ver unha aposta clara polo galego no Son”, afirmaba outro usuario.

"Como vemos que non tedes en conta a música en galego, imos pensar que é porque non coñecedes moitas bandas. Deixamos esta ligazón con 2 artigos: Un que conta cunha lista de máis de 500 bandas de música en galego e outro coas nosas listas de Spotify Cara sorrinte coa boca aberta e ollos riseiros", comentaba outra persoa.

A artista Pauliña engadía: "Bravo polas catro bandas galegas que tocan, polo resto... en vez de darlle cartiños á cultura en galego e as/os artistas de aquí... parece que non se dá feito oco nestes festis... ademais despois do ano de pandemia. Bah, non digho nada...".

Tamén se pronunciou ao respecto a deputada do BNG Mercedes Queixas: “A Xunta visibiliza a súa aposta pola reactivación do sector musical galego no Son do Camiño Perseidas. As voces femininas e o talento máis innovador en galego en minúscula, secundarizado e na sombra. Concepto subalterno e subsidiario. Insulto á cultura do país”.

As entradas estarán á venda o 11 de xuño.

Comentarios