O cinema galego está representado nos Premios Platino de Cine Iberoamericano, que teñen lugar na noite do sábado. E é que Meigallos, de Virginia Curiá, e Psiconautas, de Alberto Vázquez e Pedro Rivero, forman parte dos filmes nominados á mellor cinta de animación, premio ao que concorreron 847 películas.
Meigallos é unha coprodución entre a galega Agallas Films e a brasileira Otto Desenhos Animados, e nela participa a TVG. Con versións en galego, portugués, español e inglés, xa foi adquirida nos EUA e no Canadá.
Por outra banda, Psiconautas, de Zircozine, Basque Films, Abrakam Estudio e La Competencia Producciones, xa gañara o Goya á mellor película de animación. O propio director, Alberto Vázquez, explicaba, nunha entrevista concedida ao semanario Sermos Galiza, o proceso de produción e rodaxe dun filme creado para facer reflexionar.
As fitas galegas non o van ter doado. Compiten coas españolas Ozzy e Teresa y Tim e coa mexicana La leyenda del chupacabras.