O Festival Kerouac fai 10 anos en Vigo

A “forza da poesía” como testemuño da vida.
orianamendez
photo_camera Oriana Méndez (Foto: Cedida)

“A poesía é a nosa forza”. Con estas palabras comezou o poeta António Neves, desde os Azores, a súa intervención no recital internacional de celebración do décimo aniversario do Festival Kerouac. E a súa invocación á poesía como testemuño da vida e da condición humana foi unha boa mostra da atmosfera que crearon os participantes deste evento, este ano realizado virtualmente case na súa totalidade debido á pandemia. 

Neves compartiu recital coa galega Lorena Conde, que leu desde Redondela versos dos seus libros O perfil na boca ou de Santa Inés; con Vanesa Pérez- Sauquillo, que desde Madrid ofreceu poemas de Combustión espontánea ou un inédito publicado só na revista Turia ou con Andrés García Cerdán, que achegou ao público desde Albacete poemas de Defensa de las excepciones

Tamén con Emma Gomis, que recitou desde Cambridge en inglés, castelán e catalán, ou con Roger Santiváñez, que desde Philadelphia apelou á poesía como xeito de rebelión contra “a orde establecida”. Aínda que a palabra poética logrou quizais a súa maior potencia e intensidade nas intervencións de Queen Nzinga Maxwell, desde Costa Rica, co seu alegato anticolonial e antirracista, e na de Mercy Tullis-Bukhari, que desde Nova York, e en spanglish, reflexionou sobre como explicar aos fillos os asasinatos de persoas afroamericanas a mans da policía.

Houbo outro recital no Kerouac, o único presencial, protagonizado por poetas de Vigo e presentado por Malvares de Moscoso. Nel, fronte ao Muro dos Poetas, detrás do museo Marco, Lupita Hard homenaxeou a figura da avoa a as súas imprescindíbeis ensinanzas vitais; Constance Hurlé chamou pola necesidade de non renderse tras a quebra e Iria Bragado denunciou os ventres de alugueiro.

Nicole Doural falou, pola súa banda, de amor ou de autoestima; El lobo está aquí criticou a volta do “lixo franquista” e apelou ás mulleres de Vox que se deixan usar como floreiros; Oriana Méndez leu un poema do libro aínda inédito Interna; Francisco Álvarez Koki lembrou a guerra de Siria e Graciela Baquero chamou pola poesía como “acto de resistencia” para aprender a erguerse tras caer ou para axudar a “rompelo todo”. 

‘Performances’

O Festival Kerouac incluíu tamén performances. A galega Iria Medraño cantou e contou poemas do seu libro Da raíz do corazón e Montenegro e Fisher, desde Londres, alternaron o castelán co inglés para propor xogos de palabras con aliteracións sobre as mans, as formas, as miserias da civilización ou o Estado que neutraliza as “moscas revolucionarias” que lle estorban. 

Os problemas técnicos estragaron un pouco a intervención, desde Barcelona, de Lola Nieto, con música, xogos de voz e poemas. Pompa e Boato -Samuel Merino- decidiu finalmente non participar, tal como anunciou nas redes sociais, para manifestar o seu desacordo coa organización en distintos aspectos relacionados co trato recibido polos artistas. 

Mar Russo, da New York Poetry Press, Francisco Castro, de Galaxia, Luis Luna, de Amargord, José María Cumbreño, de Liliputienses, Iván Vergara, de Ultramarina, Edgardo León, de Mantra e María Fuentes, de Vaso Roto, desenvolveron un debate sobre editoriais conducido por un dos directores do evento, Marcos de la Fuente, desde Nova York. O festival promoveu tamén un concerto de Mateo Fixemberg e diversos percorridos do Poemóbil, un coche con megafonía desde o que a poesía encheu a cidade. 

Comentarios