O Festival de Cans celebra dúas décadas de cinema e 'agroglamour'
Fronte ao glamour de Cannes, o agroglamour de Cans. O que comezou como unha broma arredor dun xogo fonético acabou transformándose nunha convocatoria ineludíbel do cinema galego, un encontro onde teñen lugar estreas, coloquios, debates e, por suposto, algo de festa. Mentres outros enterraban grandes sumas de diñeiro tratando de crear un festival de categoría a partir da nada, a organización do Festival de Cans partía do compromiso coa base e co territorio, propiciando o nacemento dun fenómeno que traspasa as fronteiras do país e que se converteu nunha plataforma de visibilidade e un foco de difusión, agrandamento e celebración da cinematografía da Galiza.
En 2023, Cans celebra o seu vixésimo aniversario do 16 ao 20 de maio, nunha edición que ofrecerá máis de 40 curtametraxes nas seccións a concurso, así como oito longametraxes, que suman máis de 25 estreas audiovisuais, ademais de numerosas actividades paralelas entre as que destacan 25 actuacións musicais.
O día grande do festival está previsto un encontro que tirará de emoción, xuntando moitas das persoas recoñecidas co Premio Pedigree ao longo destes 20 anos, entre eles Antonio Durán “Morris”, Luís Zahera, Javier Gutiérrez, María Vázquez, Diego Anido, Nerea Barros ou Tamar Novas. Con este mesmo horizonte de facer memoria a través do reencontro, presentarán algúns filmes directores agora recoñecidos que comezaron presentando curtas en Cans como Álvaro Gago, Alberto Vázquez ou Enrique Otero. De Enrique Otero é, precisamente, a película que abrirá o festival, Honeymoon.
Día das Letras de cine
Tamén, por primeira vez, o encontro celebrará o Día das Letras Galegas, coa estrea, o día 17, do documental Florencio, o cego dos Vilares, dirixido polo músico Pancho Álvarez. O filme afonda na vida de considerado como último xograr galego, o músico cego Florencio dos Vilares, violinista, cantor e contador natural da Fonsagrada e tío avó do coñecido artista Xoel López. Morreu no ano 1986 pero deixou unha fonda pegada co seu xeito de interpretar a música tradicional, influíndo de xeito decisivo nas seguintes xeracións de violinistas. Tras a proxección do documental, terá lugar unha sesión vermú no Torreiro coa presenza das violinistas María Jorge, Aldara Souto, Begoña Rioboó e Antía Ameixeiras e do acordeonista Carlos Quintá, que acompañarán a Pancho Álvarez.
Tamén no Torreiro, ao mediodía, terá lugar un coloquio entre o director Alvaro Gago e a actriz María Vázquez, sobre o proceso de creación de Matria, unha das últimas grandes películas do cinema galego que está a obter un gran éxito de público e crítica despois da súa recente estrea, e o seu paso polo Festival de Berlín.
Na xornada que celebra as Letras Galegas tamén se estreará o documental De casa en casa, unha homenaxe ás veciñas de Cans que recolle as testemuñas dos oficios extinguidos nos anos 70 do século pasado.
As seccións
O 17 de maio é tamén a data sinalada para proxectar as curtas encadradas na sección Novas Camadas, destinada a promover a autoras e autores que realicen a súa primeira obra, e que teñan menos de 25 anos.
Outra das seccións do festival, Furacáns, dedicada ás obras de non ficción e a autores que asumen riscos narrativos afastándose de fórmulas máis convencionais, terá nesta edición unha maioría aplastante de mulleres cineastas, xa que oito das dez obras seleccionadas están dirixidas por realizadoras, nun grupo que mestura cineastas experimentadas con creadores emerxentes e interesantes debutantes. Nela, poderán verse os novos traballos de Ángeles Huerta, Miriam Opazo, ou Marta Valverde, entre outros.
As 12 curtametraxes que compiten na categoría principal de ficción e animación serán todas, por primeira vez, estreas. Sete veranse por vez primeira na Galiza, catro delas serán estreas absolutas e unha delas terá a estrea no Estado.
Destaca a presenza de Ulises, de Felix Brixel, que competiu no Festival de Málaga, O neno Sardiña de Lucía Estévez, que pasou polo Festival de Xixón, ou Amanece, la noche más larga, a curta de animación que foi finalista dos Goya, dos vigueses Carlos Fernández de Vigo e Lorena Ares, que aínda non s estreara na Galiza. Entre as estreas absolutas están O Coidado, o prometedor debut como director do actor Miguel Canalejo, ou a contundente Carraxe, ópera prima de Muriel Pernas, protagonizada polos veteranos actores Mabel Ribera e Roberto Leal.
Na sección internacional, Cans contará coa presenza da cineasta e fotógrafa franco-armenia Valérie Massadian, unha autora radicalmente independente e singular . O certame dedicaralle o Foco Internacional, cunha retrospectiva completa na que presentará as dúas longametraxes e sete curtametraxes, seis delas inéditas no Estado.
Premios e música para homenaxear o cinema
O Premio Pedigree deste ano irá para Luís Zahera, de quen se recoñece unha espectacular traxectoria.
O Chimpín de Prata “Pepe Puime” será para a actriz Melania Cruz, unha das grandes actrices do teatro e do cinema galego actuais.
O Chimpín “Divina Campos” será para Ángel Suanzes, un xornalista clave na historia do cinema galego recente. O chimpín de prata é un recoñecimento a este traballo e, ao tempo, unha reinvindicación da importancia dos xornalistas que fan crónicas culturais nos medios de comunicación.
Finalmente, o Chimpín de Prata que recoñece o labor dunha veciña ou veciño de Cans polo seu apoio ao festival, será para María Jesús Sánchez. “Mari da Carreira”, unha das persoas imprescindibles no funcionamento invisible do Festival. aldea que o festival quere recoñecer.
Como nas edicións precedentes, o cartel musical volverá ter unha destacada presenza no festival, que ofrecerá até 25 actuacións musicais de diferentes estilos, entre os que destacan os concertos de Los Punsetes, The Limboos ou Mr. Kilombo na Leira do Río, Fillas de Cassandra, Tony Lomba ou Mallou no Torreiro e mais as actuacións poético-musicais no Invernadoiro con Rosalía Fernández Rial e o chileno Nano Stern.