Cinema

O Festival de Cans recibe máis de 230 curtas para a vixésima edición cunha ampla presenza feminina

As obras recibidas aumentan en todas as categorías en comparanza co pasado ano e achéganse á cifra récord de 2019.
Margarita Ledo Andión, no centro, onte en Cans, O Porriño (Foto: Nós Diario)..
photo_camera Margarita Ledo Andión, no centro, recibiu o pasado ano o Premio de Honra do Festival de Cans. (Foto: Nós Diario)

O Festival de Cans recibiu un total de 231 curtametraxes para concursar na súa XX edición, que se celebrará entre os próximos 16 e 20 de maio na aldea homónima do Porriño (comarca de Vigo). Esta cifra supón 25% máis que as 187 obras que se presentaran o pasado ano e rolda as 255 curtas recibidas en 2019, a edición previa á pandemia, que se mantén como o récord de participación.

Tal e como indicaron esta cuarta feira desde a organización, as obras recibidas aumentaron en todas as categorías, sobre todo nas de ficción e animación, chegando até a cifra de 75 curtametraxes.

Tamén se inscribiron 84 videoclips, 32 obras de non ficción, 20 na categoría de Novas Camadas —para menores de 25 anos— e 20 no apartado doutras obras, no que se inclúen documentais, longametraxes ou webseries.

Aliás, poñen o foco nas moitas obras enviadas por autores e autoras galegas procedentes de países como Alemaña, Portugal, Italia, Estados Unidos ou Inglaterra, así como de cidades do Estado español como Madrid, Barcelona, Iruña ou Valencia.

"Estes datos reflicten a recuperación do ritmo de produción despois dos anos de atrancos vividos durante a pandemia, nos que o número de obras baixou debido á imposibilidade de realizar rodaxes con normalidade", indicou a organización do festival.

Agora, o equipo traballa no proceso de selección das candidatas que entrarán nas diversas categorías da competición. As elixidas optarán aos máis de 11.000 euros en premios que se repartirán.

"Polo de agora, o certame xa pode anticipar que se perfila unha ampla representación de mulleres creadoras en todas as seccións competitivas, así como a presenza de numerosas obras que terán en Cans a súa estrea absoluta ou na Galiza", subliña a organización.

Comentarios