O Festival de Cans outórgalle o premio Pedigree de Honra a Luís Zahera

A actriz Melania Cruz, o xornalista e crítico de cine Angel Suanzes e a veciña de Cans María Jesús Sánchez, recibirán os Chimpíns de Prata.
Luís Zahera nunha escena de 'As bestas'.
photo_camera Luís Zahera nunha escena de 'As bestas'.

O Festival de Cans, que celebrará a súa vixésima edición nesta aldea do Porriño entre o 16 e o 20 de maio, acordou outorgar nesta edición o seu Premio Pedigree de Honra ao actor Luis Zahera. A máxima distinción do festival foi acordada pola asemblea da Asociación Cultural Arela, que organiza o Festival de Cans. 

Luis Zahera (Santiago de Compostela, 1966), un dos actores máis relevantes da Galiza nas dúas últimas décadas, e acaba de obter o seu segundo Premio Goya pola súa gran interpretación en As bestas, filme dirixido por Rodrigo Sorogoyen, que está a ser unha das películas do ano. 

A organización recoñece a gran traxectoria como intérprete de Luis Zahera, tanto en series de televisión como en máis de 35 longametraxes. Asiduo do certame desde as primeiras edicións, Zahera recollerá o galardón o 19 de maio. Ese día deixará as súas pegadas no Torreiro das Estrelas. 

Outros dos galardóns honoríficos do Festival de Cans, os Chimpíns de Prata, tamén se entregarán ese mesmo día. O Chimpín de Prata "Pepe Puime" será para Melania Cruz, unha das grandes actrices do teatro e do cinema galego actuais. Galardoada en tres ocasións co Premio Mestre Mateo, Melania Cruz é unha actriz habitual nas curtas que pasan por Cans. Nos últimos anos demostrou ter un compromiso permanente co Festival, onde participou asiduamente en coloquios e encontros co público, ademais de converterse nunha gran embaixadora do certame. 

O Chimpín "Divina Campos" será para Ángel Suanzes, un dos xornalistas de referencia sobre o cinema en TVG, e un dos que máis veces cubriu como xornalista o Festival de Cans. Suanzes é un xornalista clave na historia do cinema galego recente, onde veu medrar e apoiou a numerosos cineastas, produtores e actrices e actores. O chimpín de prata que lle outorga Cans é un recoñecemento a este traballo e, ó mesmo tempo, unha reivindicación da importancia dos xornalistas que fan crónicas culturais nos medios de comunicación. 

O Chimpín de Prata que recoñece o labor dunha veciña ou veciño de Cans polo seu apoio ao festival, será para María Jesús Sánchez. "Mari da Carreira", como é coñecida na aldea, é unha das persoas imprescindíbeis no funcionamento do Festival. Pandereiteira, alquimista do licor café especial que fai ás convidadas e convidados, reclutadora do xurado dos veciños ou organizadora da homenaxe ó Can de Pedra que abre cada ano o festival, Mari fai un traballo invisíbel e imprescindíbel dentro da aldea que o festival quere recoñecer.

Comentarios