Cine "arriscado", realizado por mulleres, no Festival de Cans

Haberá oito realizadoras entre as dez obras seleccionadas a concurso que afondan, con perspectiva de xénero, en temas como a memoria histórica, os coidados ou a tradición.
Fotograma da curtametraxe Tegoyode Guillermo de Oliveira que competirá na sección Furacáns
photo_camera Fotograma da curtametraxe Tegoyode Guillermo de Oliveira que competirá na sección Furacáns

O Festival de Cans (O Porriño), cuxa XX edición terá lugar do 16 ao 20 de maio, escolleu para a sección competitiva “Furacáns”, dedicada a obras de non ficción que asumen riscos narrativos afastándose de fórmulas convencionais, dez curtametraxes, das cales seis serán estreas e oito están dirixidas por mulleres.

Entre as estreas estarán My Truth, unha curta que reflexiona sobre a conexión entre imaxes e testemuñas relacionadas coa saúde mental, dirixida pola debutante Marta Bouzas, ou Ningún Deus, de Miriam Opazo, un achegamento autobiográfico ao entroido. 

Tamén se poderá ver a obra Notas sobre a violencia de Marta Valverde, unha montaxe sobre a normalización da violencia na vida cotiá a partir de textos de Remedios Zafra. Outra estrea absoluta será Envés, da cineasta Ángeles Huerta, no que experimenta na construción de imaxes partindo dun diálogo cos versos da poeta Rosalía Fernández Rial. 

 

Estrea na Galiza son Tegoyo de Guillermo de Oliveira, que rodou esta curta en Lanzarote, tutelado polo mítico cineasta Werner Herzog, e A Lingua resiste no estómago dun agricultor morto de Acacia Ojea, que toma versos da poeta Lupe Gómez para indagar sobre a identidade e o respecto pola terra e a tradición. 

Hondarrak, de Marta Gómez e Paula Iglesias, afronta a crise dos coidados e cuestiona un modelo que permanece inamovíbel. Ademais, a memoria histórica está presente con Mariví, na pel da memoria das irmáns Coral e Laura Piñeiro, sobre a vida de resistencia da galega Mariví Villaverde. 

Completan a sección O Amor é agua que corre, da cineasta Claudia Pineda, que constrúe un ensaio poético sobre o amor ligado á vida e á morte e Malgrat, un relato autobiográfico a partir dun arquivo familiar, obra de Santi Teijelo. 

Comentarios