Feixoo atopa en Pardo Bazán un nexo entre Galiza e Madrid, "piares da España unida e diversa"  

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, enxalzou a figura da escritora galega no seu discurso nun acto sobre a autora organizado pola Casa da Galiza en Madrid.

Casado e Feixoo camiño ao acto sobre a escritora. (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press)
photo_camera Casado e Feixoo camiño ao acto sobre a escritora. (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press)

A autora Emilia Pardo Bazán é para Núñez Feixoo un punto de encontro entre Galiza e Madrid, que na actualidade veñen a constituír os “piares da España unida e diversa”.

Desta forma se manifestou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nun acto na honra da escritora galega que promoveu a Casa da Galiza en Madrid.

Na sesión, na que tamén estiveron presentes outros mandatarios do Partido Popular como Pablo Casado, o líder popular galego subliñou que os galegos “combinan querenzas por distintos territorios sen ningún tipo” de ruptura “interior”.

Na súa opinión esa “dualidade” é algo “definitorio da identidade galega” e, por iso, tamén se poden atopar lazos entre Madrid e o país a través da obra e da figura de Pardo Bazán.

“Tanto aquí [referíndose a Madrid] coma en Bos Aires, A Habana, Londres ou Xenebra, o galego asimílase sen perder as súas raíces porque fai provisión de identidades nunha síntese marabillosa”, destacou.

Entre as súas palabras dedicadas á intelectual, o político púxoa como exemplo, como “un anticipo do galeguismo cosmopolita que impregna hoxe a sociedade galega”.

"Revolución feminista non hostil"

Aliás, destacou o seu papel como fornecedora das “bases da revolución feminista en España”, da man de Rosalía de Castro e Concepción Arenal, “cada unha coa súa personalidade e facendo achegas diferentes”.

"Nos tres casos trátase dun feminismo resolto e inequívoco, pero non hostil a ninguén. Hostil só á inxustiza e a todos aqueles que se aproveitaban dela", afirmou.

Comentarios