martes 19/01/21

Feixoo ve na Coroa a garantía da unidade de España

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, falou de que a monarquía é necesaria porque "nunca os grupos políticos que están en contra da unidade da nación tiveron tanta preponderancia".
Feixoo na apertura da Porta Santa da catedral. (Foto: Arxina)
Feixoo na apertura da Porta Santa da catedral. (Foto: Arxina)

A Coroa é "o único símbolo que acredita a unidade da nación española", aseverou hoxe o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, no transcurso dunha entrevista, ao tempo que engadiu que "é necesaria porque nunca a nación estivo nunha situación como esta", xa que "nunca os grupos políticos que están en contra da unidade da nación tiveron tanta preponderancia, tanto poder e deciden tantas cousas", argumentou.

Así se pronunciou na radio Cope ao ser preguntado por unha posíbel lei da Coroa.

"O mellor para falar de leis é coñecer os anteproxectos desas leis", apostilou Feixoo, instando o Goberno a que presente unha proposta de texto ao respecto, asegurando que o PP a apoiará se vai na vía de protexer a Coroa.

Xacobeo e fondos da UE

En canto á baixa porcentaxe que recibirá Galiza no reparto que o Estado organiza entre as comunidades autónomas dos fondos europeos de reactivación React-UE (Galiza recibirá 4,4% do total estatal), Feixoo reprochou ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, a ausencia de diálogo para a repartición.

"Inventaron uns criterios novos", asegurou. 

Tamén se pronunciou onte a este respecto a viceportavoz parlamentar do PP, Paula Prado, lamentando que a "importante nova" da ampliación do Ano Santo a 2022 non se ve "acompañada dun compromiso firme do Goberno estatal para colaborar na organización do Xacobeo 2021-2022, xa que desbotou incluír nos orzamentos do Estado partida ningunha para este evento”.

Así mesmo, Prado sinalou que se demandará máis financiamento ao Estado dado que no Parlamento prosperou unha proposición non de lei que solicita máis de 30 millóns de euros para a promoción do Ano Xacobeo na Galiza.

comentarios