Opinión

Emilia Pardo Bazán, a academia e o pazo

Escribo este artigo o 4 de marzo, Xela Arias cumpriría 59 anos, ela só escribiu como podía e quería: desde muller, desde miope e desde galega. A vida tamén son opcións. Só poucas veces saír na foto con alguén é involuntario. Hai persoas máis privilexiadas ou afortunadas que poden elixir con quen están, persoas que desde dentro do sistema non teñen nada que perder e que xa gañaron todo. As lectoras tamén podemos estar no mundo como mulleres, como galegas e non termos necesariamente, se non é de nacencia, que ser miopes. Moitas non o somos. Hai cousas que custa aceptar, entendémolas, mais custa aceptar o atrevemento con que no século XXI se están a revitalizar certos prexuízos e modelos. Moitos que tan ben se evidenciaban e contra os que se arremetía no manifesto Máis Alá, que tamén vai cumprir cen anos. Non nos daremos liberado nunca do engado da opereta madrileña?

Do feminismo e de Emilia Pardo Bazán xa se ten falado e moi ben, lembro aquel número 6 da revista A Festa da Palabra Silenciada de 1989, (na rede); lembro conversas con Mónica Bar Cendón, pardobazanista, con quen tanto aprendín. Mais as lectoras non temos necesariamente que ser especialistas no tempo da autora para lermos as súas obras, nin consultarmos xornais da época, nin nos deter con todas as críticas que a súa obra e a súa persoa recibiu en vida ou despois de morta. Emilia Pardo Bazán moveu os marcos para poder ser escritora, para reivindicar dereitos para as mulleres e denunciar moitas opresións, violencia e o feminicidio daquela e de hoxe. Como lectora sinto que non se trata ás mulleres con sororidade, sobre todo ás que tiñan o seu teito de cristal arrente os pés. Aínda hoxe me lembraban a descrición de Sabela en la madre naturaleza, podía figurar nunha antoloxía da misoxinia. Mais estaba Concepción Arenal para defender, actuar nun feminismo máis democrático. No principio da camiñada, está Rosalía de Castro (dixo Xela Arias). Non se trata de elixir entre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Mais si. Ela escribía como galega e muller. Emilia Pardo Bazán pertence a outro sistema literario e non sei a razón, ou si, de vir agora a mover estes marcos.

Pode ser que Pardo Bazán fose Presidenta de honra da RAG, mais ela onde sempre quixo pertencer e debería, por dereito e obra, á RAE, que si debería ocuparse de celebrar este centenario e reivindicar de vez a entrada de feministas na súa institución. Ás veces as academias parécense á Conferencia Episcopal, están para non lles facermos caso.
Pois si, o Pazo de Meirás, debe ser un lugar que visibilice o feminismo, a historia das mulleres, e se se fai desde o XIX até os nosos días, xa ten moito que contar, a historia das labregas (das que morreron nesas loitas agrarias), das emigrantes que foron buscar os cartos para se faceren coas terras, as das operarias das fábricas de tabacos, de conservas, de louza... A historia desde ter que pagar o foro até botar a descendencia de Carme Polo. A historia de todas as mortas e asasinadas, as aldraxadas e espoliadas do franquismo. Si, moita historia que contar como mulleres (feministas), como galegas. Non somos miopes. O feminismo non branquea o fascismo. Tampouco é unha arma para o "bilingüismo harmónico".

Comentarios