'Nós Diario' confronta visións sobre a escritora

A diversa importancia do feminismo de Emilia Pardo Bazán na Galiza

As palabras de Núñez Feixoo valorando o "feminismo de encontro" de Emilia Pardo Bazán, e a intención do seu Goberno de usar o Pazo de Meirás para entregar no 8-M unhas medallas á Igualdade que, tradicionalmente se dan en setembro, pon no punto de mira a escritora e o seu posicionamento.

A finais de 2020 a Xustiza estabelecía que a familia do ditador Franco debía abandonar o Pazo de Meirás, pois este pertencía ao pobo de Sada, como no seu día decidira a familia Pardo Bazán. Agora que se conmemora o centenario do pasamento da escritora, o 12 de maio de 1921, os actos institucionais comezan a sucederse e dous deles tiveron lugar esta semana que remata.

A proposta da Xunta da Galiza de entregar as Medallas á Igualdade coincidindo co 8-M e non, como era tradición, o 16 de setembro, data de nacemento da escritora; e a intervención de Núñez Feixoo "institucionalizando" a presentación da obra de María López Sández e Marilar Aleixandre, Movendo os marcos do patriarcado, sobre o feminismo nos escritos da autora. 

Arredor da súa calidade literaria non hai sombras; arredor do seu posicionameto feminista non hai dúbidas no Estado español, mais esta última cuestión confronta na Galiza distintans visións, recollidas por Nós Diario, que se extraen do posicionamento feminista e da figura política e social de Emilia Pardo Bazán no contexto galego. A autora, que se autodefiniu como feminista radical, como ben lembran a escritora Marilar Aleixandre e a filóloga Mónica Bar, tamén  estivo marcada por un posicionamento "clasista" que "compromete gravemente o seu feminismo", segundo a política e profesora María Pilar García-Negro, ou que "ocupa as voces das traballadoras galegas cun efecto máis cómico que empoderador", na voz da tamén filóloga Helena Miguélez-Carballeira.

A discrepancia sobre o valor do contexto histórico 

Partindo da idea de que non cabe dúbida sobre o feminismo reivindicado pola propia Emilia Pardo Bazán, as voces das intelectuais discrepan tanto na importancia dese posicionamento para o feminismo galego de base como no propio valor de adoptar dita postura no contexto de finais do século XIX.

"Non é acaído xulgar o feminismo do XIX como o xulgariamos agora", expresa Marilar Aleixandre, "defende dereitos para a muller, dise radical feminista, identifica os mecanismos do que hoxe chamamos patriarcado e pode verse nos seus traballos teóricos, que están na rede". Unha visión menos amábel é a da perspectiva achegada por María Pilar García-Negro, quen afirma, que "ela valora que as mulleres están infantilizadas, xibarizadas no seu desenvolvemento e propón que sexan destinatarias dunha educación completa e sólida" mais engade que "todo isto pertence a un programa que é obxecto de debate no século XIX e que tamén expuxeran outras pensadoras como Concepción Arenal".

"Olla a realidade social desde a súa posición aristocrática e defende sempre que sexa esta clase a reitora, social e politicamente, non unha aristocracia parásita", recalca García-Negro. Unha visión que comporte Helena Miguélez-Carballeira ao explicar que a autora "dicía que se existía algo como literatura galega sería sen dúbida totalmente subsidiaria da española e rexionalizada, e tiña unha visión inzada de certos estereotipos coloniais do que era a sociedade labrega galega, as mulleres traballadoras...". Mais segundo a visión achegada por Aleixandre "ninguén é responsábel nin do ano que nace nin da familia na que nace".

Sobre a literatura e a escolla idiomática

"Foi unha grande escritora sobre a emigración galega, e a súa calidade literaria está claro que é altísima mais na calidade política a tese que sosteño é que tratou literariamente cuestións relacionadas coa Galiza encadrándoa cara a un consumo literario madrileño", analiza Miguélez-Carballeira. Algo no que incide García-Negro, ao lembrar que en "personaxes galegas, en Los pazos de Ulloa, La madre naturaleza, Morriña ou Bucólica, o tratamento das personaxes campesiñas ou criadas non teñen o menor contraste que nos permita asistir a unha figura humana con pensamentos e sentimentos propios".

Fronte a estes, o argumento de Mónica Bar precisa que "o que non atopaba Pardo Bazán era unha lingua estruturada a través dunha academia definida, ela era europeísta e iberista, defendía que Galiza e Portugal estaban separados por unha fronteira artificial". E engade que "ela ofrece a súa casa para crear a Real Academia Galega, propiciou o inicio da RAG". Sobre o cuestionamento de "por que non escribía en galego", Bar recalca que non é un requerimento que se lle faga aos autores masculinos, cuestión na que coinciden as catro intelectuais, mais García-Negro engade, "ela foi vítima de toda unha mesta base de misoxinia e sexismo que a afectou, como en xeral, a todas as escritoras galegas e españolas no século XIX".

A soidade dun presidente 'feministo'

A confrontación que pode darse arredor da figura de Emilia Pardo Bazán e do seu feminismo, dilúese diante das palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo,  pronunciadas na pasada terza feira durante a presentación da obra Movendo os marcos do patriarcado, de Marilar Aleixandre e María López Sández. A súa defensa dun "feminismo democrático", "de encontro e non de trincheira" aúna o rexeitamento unánime do feminismo galego e, por suposto, de Marilar Aleixandre, Mónica Bar, María Pilar García-Negro e Helena Miguélez-Carballeira. Esta última, unha das iniciadoras da campaña en Twitter, "O feminismo non branquea o franquismo", denuncia a interposición da figura de Pardo Bazán no seu centenario como unha "cortina de fume" para desviar a cuestión do uso do Pazo de Meirás para a memoria histórica escusándose no feminismo. 

Comentarios