As feiras do libro voltan ás rúas da Galiza

Buscar unha programación diferente que transforme as feiras do libro en centros de creación e difusión da cultura. Eis o obxectivo da Federación de Librarías de Galiza, que quere renovar estes eventos dotándoos dun carácter cultural que proxecte o mundo do libro alén das vendas e das sinaturas.
As feiras do libro queren transformarse en espazos de difusión cultural, máis alá das vendas.
photo_camera As feiras do libro queren transformarse en espazos de difusión cultural, máis alá das vendas.

“Esperamos retomar o pulso normal das feiras do libro, que queden atrás definitivamente os problemas sanitarios e que a xente poida participar sen medo”. Así se expresa Ramón Domínguez, presidente da Federación de Librarías de Galiza, ante o inminente inicio da tempada de feiras. Esta fin de semana comeza a primeira, a de Ferrol, e continuarán até finais de agosto nun total de trece sedes -unha máis que o ano pasado- nas que o libro será o protagonista de encontros nos que se poderá gozar dunha programación diferente, na que se combinarán as actividades lúdicas coas presentacións e firmas de libros habituais nestas citas. 

A nova directiva da Federación busca que as feiras do libro non sexan exclusivamente un lugar de compra e venda, para se converteren nun impulso para a creación e nun espazo cultural que proxecte o libro cara a outras disciplinas.

“Temos que repensar ben o formato das feiras do libro”, continúa Domínguez, “porque a idea é convertelas nuns eventos cada vez máis potentes desde o punto de vista cultural, no que participen todos os actores que teñen que ver coa produción editorial e o mundo do libro e da lectura”.  

A nova directiva da Federación busca que as feiras do libro non sexan exclusivamente un lugar de compra e venda, para se converteren nun impulso para a creación e nun espazo cultural que proxecte o libro cara a outras disciplinas. “Realmente pretendemos que as feiras non sexan só unha cuestión de mercado, que en si mesmo xa ten moito interese. Entendemos que deben ter outra dimensión e, sobre todo, que haxa un maior protagonismo da cidadanía, que debe ter maior participación na vida cultural desde unha maneira máis natural de achegarse a ela. As feiras do libro son unha forma de xerar cultura desde fóra do poder e deben permitir un vínculo máis directo entre creación e sociedade, máis participativo".  

 

Algúns modelos xa están sendo probados, como na Selic de Santiago de Compostela, no que o protagonista da pasada edición non era soamente o libro, senón, máis en xeral, a lectura. Domínguez insiste en que están abertos a todas as fórmulas que permitan dar alcance e transcendencia ao mundo do libro. “A actual directiva leva algo menos dun ano traballando. Entramos en plena pandemia e iso tamén nos obrigou a situarnos nunha actitude de aprendizaxe permanente. En realidade non temos unha experiencia que sexa determinante nese sentido, e por iso hai aspectos que integran unha acción cultural que se nos escapan un pouco á hora de desenvolver unha acción cultural potente. Mais esa tamén é a intención: ir asumindo ese papel de axentes dinamizadores, de promover a cultura dunha forma activa. Creo que ese ánimo debe ser o que nos debe mover a todos”. 

A situación para o mundo do libro que deixou a pandemia foi ambivalente: nun primeiro, plano significou un colapso na produción editorial. Mais a seguir, permitiu  un renovado interese na lectura que se reflectiu nun importante incremento na venda de libros.

Despois da pandemia 

A situación para o mundo do libro que deixou a pandemia foi ambivalente: nun primeiro momento significou un colapso na produción editorial. Mais a seguir, permitiu  un renovado interese na lectura que se reflectiu nun importante incremento na venda de libros. "A pandemia foi un elemento que supuxo un importante golpe para as editoriais, pero tamén permitiu enfrontarse coa lectura con máis tempo, e iso propiciou recuperar determinadas prioridades que estaban algo esquecidas por culpa dese volume de información que nos acosa diariamente", opina Domínguez. 

"A lectura permite desconectarse dese magma de estímulos que recibimos a cotio e que nos provoca esa sensación de non ter tempo para nada e iso creou un renovado interese no libro, a convicción de que é algo necesario, algo que nos axuda a vivir mellor e a ser máis conscientes do mundo que nos rodea". 

 

Mais son tempos nos que a incerteza non dá descanso e a guerra en Ucraína engadiu un novo factor de desasosego. "O público lector ten máis problemas económicos derivados do conflito bélico, e iso xa se notou nas vendas do mes de marzo. Na actualidade semella moi difícil facer previsións". 

En relación coa guerra sitúase un novo factor de incerteza: a carencia de papel. O aumento do comercio electrónico fixo que as fábricas de papel reforzasen a manufactura de embalaxes en detrimento do papel para a edición; os prezos da enerxía encareceron o produto; e as consecuencias da guerra para o comercio internacional acabaron de definir un golpe ao sector de consecuencias aínda imprevisíbeis. 

Domínguez, porén, móstrase relativamente optimista. "Creo que forma parte dunha crise nas materias primas que se dá en moitas industrias, mais espero que a medio prazo non vaia constituír un problema de calado. Probabelmente si o sexa a curto prazo, e implicará unha suba dos prezos, mais non creo que se vaia producir un colapso na produción editorial".

Comentarios