Máis

O faro da illa de Sálvora

O edificio ilumina a entrada da ría de Arousa
Faro de Sálvora
photo_camera O faro da illa de Sálvora atópase no concello de Ribeira (O Barbanza). / Nós Diario

A illa de Sálvora, no concello de Ribeira (O Barbanza), é unha fronteira natural que marca o límite entre a ría de Arousa e o Atlántico. No extremo sur da illa, nunha zona particularmente agreste chamada punta Besugueiros, localízase o faro de Sálvora. Os planos orixinais de 1847 contemplaban construír unha pequena luz, aínda que máis tarde o proxecto evolucionou até converterse nun faro seis anos despois.

O edificio está constituído por unha torre de planta octogonal con forma de U, pintada de cor branca cunha faixa vermella. A carón da torre existe unha construción rectangular que albergou as dependencias dos responsábeis do faro até 2018, cando abandonaron o lugar. Desde a marcha dos fareiros instalouse un novo sistema de control remoto.

Ao longo da súa historia, o faro sufriu múltiples reformas, especialmente en 1921 despois do naufraxio dun barco fronte ás augas de Sálvora. O naufraxio do Santa Isabel supuxo a morte de 213 persoas. Catro mulleres novas que vivían na aldea da illa socorreron os  sobreviventes da traxedia, unha fazaña que lles reportou unha medalla concedida pola orde civil da beneficencia.

O faro está situado nunha zona dun gran valor ecolóxico. Entre a flora da illa cómpre destacar dúas especies de plantas que están en perigo de extinción: a Linaria arenaria e o Erodium maritimum. Outras especies frecuentes no terreo insular é a flor armeria, a planta do toxo e o arbusto abruñeiro.

A fauna tamén presenta unha gran diversidade. Algunha das especies máis comúns que se poden observar na illa son as gaivotas de patas amarelas, que  aniñan nun conxunto de bolos graníticos espallados por toda a xeografía de Sálvora.

Nas zonas máis chás, onde se acumula a auga nunha serie de charcas, habitan os anfibios da illa. Pódense avistar tritóns e unha especie concreta de sapo.

A faixa costeira de Sálvora tamén é un espazo natural de gran riqueza. Na chamada poza intermareal, baixo a superficie da auga, as persoas que desexen mergullarse poden observar  todo tipo de animais, cetáceos, e moluscos principalmente.

Comentarios