Falece o artista bergantiñán Manuel Facal

Facal, nado en Carballo, foi pintor, gravador, escultor e fotógrafo.
sentadogaleria-1024x768
photo_camera sentadogaleria-1024x768

Manuel Facal foi un artista multidisciplinar. Pintor, gravador, escultor e fotógrafo. Naceu en Carballo onde residía unha temporada do ano alternando estancias na súa residencia de Benagalbón (Rincón da Victoria, Málaga). Tiña 80 anos.

É posuidor dunha longa traxectoria coma creador, con influencia e pegada en galerías de medio mundo. Expuxo a súa obra en salas da Galiza, no resto do Estado español e en destinos como Dubai, Portugal, Estados Unidos, Noruega ou a Arxentina.

Nunca vin unha posibilidade real de embarcarme nunha vida vivida a través da arte

"Aínda que dende mozo mostrara inclinacións artísticas, non tiven a oportunidade de dirixir os meus estudos á arte. As circunstancias e influencias tradicionais da miña familia e do seu contexto convencional non facilitaron que as miñas preocupacións culturais fosen levadas nesa dirección. Nunca vin unha posibilidade real de embarcarme nunha vida vivida a través da arte", deixou escrito na súa web, nunha revisión dos seus inicios en primeira persoa. Mais viviuna.

Sempre arredor do mundo

Estudou nos Xesuítas en Vigo e con 16 anos marchou a Francia a comezar a formarse en distintas disciplinas artísticas. Viviu en Vigo, Barcelona, Londres e Porto Rico, onde deu clase e estudou Filosofía. Porén, aseveraba o pasado outono en conversa con Patricia Villarino para o Sermos Galiza, Carballo "segue a ser o meu lugar de preferencia para crear e seguir co meu proxecto vital".

Definiu a súa etapa en Londres, nos 70, como "decisiva na miña traxectoria artística". Alí asistiu a clases e obradoiros de creación artística. Cursou estudos de gravado no Morley College e de litografía en pedra e metal no Paddington Institute. Fixo contactos coa galería gráfica Studio Prints e iso permitiulle traballar xunto con gravadores doutros países, especialmente Noruega, Alemaña e Estados Unidos.

Despois de visitar Porto Rico, Venezuela e Noruega, nos 80 regresou á Galiza e montou o seu primeiro Obradoiro de gravado. En Carballo comeza a súa produción artística cunha serie de gravados convencionais afastados da súa obra anterior. No 85 creou un segundo estudio en Sitges (Barcelona) Mais sen renunciar a Galiza.

Porén, en 1987 trasladouse a Andalucía, atraído segundo recoñeceu, pola "cultura e o folclore popular e polo Mediterráneo".

A partir de 1995 Manuel Facal comeza un proceso de revisión da súa obra máis persoal dos anos 70, un traballo que recolleu nunha exposición a Fundación Luis Seoane.

Fundación e museo

No verán de 2022 o Concello de Carballo anunciou a constitución en escritura pública a Fundación Manuel Facal, entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a conservación, promoción e difusión da obra do artista carballés Manuel Facal, así como da arte contemporánea en xeral.

O Padroado da Fundación Manuel Facal estivo presidido polo propio artista. Ten sede permanente en Carballo, nun edificio en fase de rehabilitación como o Museo de Arte Contemporánea Manuel Facal e que albergará boa parte da obra do artista carballés, entre pinturas, gravados e esculturas.

"Un espazo vital, no que expoñer ao público o legado dun dos artistas galegos máis representativos da súa xeración", anunciou entón o Goberno local de Carballo, presidido por Evencio Ferrero (BNG).

Comentarios