As fachadas do Barroco

Luces e sombras do Mosteiro de Monfero.
Detalles da fachada barroca do Mosteiro de Monfero (Foto: Turismo da Galiza).
photo_camera Detalles da fachada barroca do Mosteiro de Monfero (Foto: Turismo da Galiza).

Nas proximidades do río Lambruxo, sobre un pequeno val da parroquia de San Fiz (concello de Monfero, comarca do Eume), érguese impoñente o Mosteiro de Monfero. Nunha posición estratexicamente delimitada, enmarcado parte do enclave no parque natural das Fragas do Eume, a súa fundación data do ano 1134 e foi construído entre dúas capelas, a de San Marcos e a da virxe da Cela. A pesar de pertencer orixinalmente á orde dos Beneditinos de Santa María de Valverde, en 1147 pasa a ser propiedade da orde do císter e é a partir dese momento que consolida a súa importancia. Do século XVIII en diante o crecemento económico do mosteiro comeza a ser motivo de loita entre os abades e os señores feudais, coas consecuentes pugnas de poder.

O recoñecemento deste mosteiro estivo condicionado pola riqueza das granxas próximas e a fama que conseguiron obter os textos e a arte dos escribáns de Monfero. Grazas a isto, e á forza económica do claustro, nunha mostra da evolución do renacemento ao barroco posibilítase a reforma deste patrimonio, derruíndose no século XVII a antiga igrexa para erixir unha máis acorde aos tempos. 

Ao mesmo tempo que se produce este investimento de capital, as protestas dos campesiños acrecéntanse, considerando abusivas as súas rendas. Con isto comeza unha época de maior pobreza, pasando pola invasión napoleónica e até o abandono do mosteiro. Na actualidade, este monumento, considerado Ben de Interese Cultural, está composto polos restos dunha igrexa con capelas laterais, sala capitular, baptisterio, portaría, tres claustros, refectorio e cociña.

O claustro procesional, de estilo renacentista e cunha fonte barroca, é un dos mellor conservados. A igrexa resulta un dos espazos máis destacábeis do conxunto, cunha soa nave de planta de cruz latina e unha bóveda de canón de medio punto chea de pequenos detalles e case tan ornamentada como a fachada principal, onde catro columnas enmarcan o deseño plano dunha parede na que prima o tamaño, as tallas e os xogos de luces. A fachada conserva tamén dúas esculturas que poderían referirse ás dúas capelas entre as que se construíu o monumento.

Comentarios