Contracultura

Paula Pier: "'Eu, fraude!' é unha chamada a deixar saír o 'eu real', que é o máis bonito que temos"

Paula Pier (A Coruña, 1991) vén de estrear 'Eu, fraude!', un espectáculo que se define como unha historia de amor propio e unha chamada a celebrar a vida.
A intérprete Paula Pier estreou 'Eu, Fraude!' este mes na Coruña. (Foto: Carlota Mosquera)
photo_camera A intérprete Paula Pier estreou 'Eu, Fraude!' este mes na Coruña. (Foto: Carlota Mosquera)

—Cando comeza a escribir Eu, fraude!?
En 2020, cando o mundo para, a miña cabeza comeza a traballar. Os textos comezan a saír de min dunha maneira súper rápida e estrepitosa, como se xa estiveran preparados. Unha vez que soltei todo e comecei a ver o que había deime de conta de que tiña un espectáculo: todo falaba do mesmo. Había moitas poesías que eu intuía que eran cancións, mais eu non sei tocar ningún instrumento.

Comecei a pórlle melodía a esas letras e cando xa tiña todo o material empecei a atopar as miñas compañeiras dunha maneira moi máxica e bonita. Unha vez que xa tiñamos todas as cancións feitas comezamos a probar e a atopar o discurso e a dramaturxia que precisaba. É moi curioso porque todo o que ía precisando o espectáculo ía aparecendo no camiño nos tempos axeitados. Nun inicio, persoalmente só coñecía María Velasco, guitarrista, coa que xa falara de facer algo xuntas hai anos.

A través dun proxecto que finalmente non saíu coñecín Chus López, saxofonista, coa que tiven unha conexión súper bonita e precisamente falei con ela de que necesitaba unha percusionista. Así foi como me presentou a Sandra Pérez, coa que tamén conectei moi ben. Hai unha sinerxía moi boa entre as catro e todo o proceso estivo cargado de honestidade e coidados. 

—Esta forma de facer encaixa moito coa mensaxe xeral do espectáculo. Cre que é algo que falta na sociedade?
Si, é un discurso que á xente ten que escoitar. Estamos acostumadas a dar cariño e amor, a falar ben, a ter compaixón e empatía co resto das persoas, mais deixándonos a nós mesmas no último lugar. É unha chamada de atención para que recoñezamos a nosa luz e a nosa relevancia. Para poder facer rede, primeiro temos que sosternos a nós. É unha chamada a mirar dentro, a rascar para quitar todo o que non somos nós, a fraude que nos fai sobrevivir moitas veces. É unha chamada a deixar saír o 'eu real', que é o máis bonito que temos.

—O feito de mostrar caras diferentes tamén inflúe en certa maneira no tipo de persoas coas que se estabelece unha relación, non?
Totalmente. Desde que comecei o meu proceso terapéutico, hai xa catro anos, e aprendín a liberarme das máscaras autoimpostas, a miña contorna tamén comezou a mudar. Agora é totalmente coherente e afín. É como que todo flúe cara a algo moito máis honesto e isto dá unha paz enorme porque sabes que realmente estás mostrando quen es en realidade. E o que a xente quere é iso. Na miña experiencia, cando te recoñeces digna de ser e de estar, con honestidade e amor, todo o 
que vén é un agasallo.

—Aliás, foi a gañadora da primeira edición da Poetry Slam Galicia, decorrida en decembro. Como foi esta experiencia?
2023 foi un ano súper aleatorio na miña vida. Empecei a escribir hai pouco e nunca o fixera con intención de asomalo. A finais de 2022 recitei uns poemas meus diante de seis persoas de confianza e unha delas, que ademais é poeta, díxome que me anotara a unha Poetry Slam. Non fixen moito caso até que mo recomendou outra persoa distinta. Nese momento escribinlles unha mensaxe a través das redes á xente de Poetry Slam Compostela e anoteime á convocatoria, sen saber nin sequera en que consistía. Fun á primeira clasificatoria en Santiago e gañei. Pasei á final e tamén gañei. Marchei a Granada para a final estatal e quedei de terceira.

E xa en decembro cando se fixo a final dentro da Galiza, gañei. Non entendía para nada o que estaba pasando, mais foi un pouco o que precisaba para empezar a crer que algo poeta son. Non sei nin como nin cando pasou e resúltame moi curioso os nervios que eu tiña ao subir a recitar, cando levo facendo teatro desde nena e traballando disto moitos anos e nunca me pasara algo similar. O que me levo sobre todo da experiencia é que as persoas que conforman toda esta rede son marabillosas: é un ambiente no que non existe a competitividade, hai moito apoio.

Comentarios