IGNACIO VILAR E ANTONIO DURÁN, MORRIS

“A Esmorga será un fito na historia do cine galego”

Esta sexta feira 21 de novembro A Esmorga chega a todas as salas cinematográficas do país. De que se enchan dependerá o futuro desta produción que ten moitas razóns para ocupar un espazo de privilexio na historia do cine galego.

Morris e Ignacio Vilar
photo_camera Morris e Ignacio Vilar

O director, Ignacio Vilar e un dos seus protagonistas, o actor Antonio Durán, Morris, achégannos á película e a súa intensa promoción.

-A Esmorga mostrouse ao público no Festival Internacional de Ourense. Que reacción percibiron nese primeiro pase xeral?

Ignacio Vilar (I.V.): Ao noso ver foi espectacular. Comprobamos diante de mil persoas que a película chega, emociona e toca. Creo que conseguimos que o espectador viva unha experiencia indo ao cine, que era o noso obxectivo.

-Cúmprense vintecinco anos da estrea de Sempre Xonxa, Continental e Urxa, fitos da historia do cine galego. A Esmorga está chamada a ser tamén unha referencia obrigada?

Antonio Durán, Morris (M.): Ao meu ver, está, e ese mesmo comentario lle fixen a Ignacio hai uns días. Fai vintecinco anos nacía este sector que non se sabe ben até onde avanzou mais si que chegou a ter o material humano para facer unha película como esta que naquel momento non existía. Esta vai ser unha película de referencia porque é unha produción sen complexos, sen prexuízos e moi ambiciosa, cunha historia universal mais nacida aquí, na Galiza. O mesmo que fixo Chano Piñeiro vintecinco anos antes. A Esmorga era unha historia pendente, aínda que houbera outros intentos, e esta película xa colle un momento no que a evolución do cine e o teatro permite contar cun pequeno star system do que se serviu Ignacio, tanto a nivel técnico como artístico.

(A entrevista íntegra publícase no semanario Sermos Galiza, n. 123, xa nos quiosques e disponíbel na nosa loxa)

 

                               

 

 

 

 

Comentarios