Dupla exposición para celebrar o trixésimo aniversario do CGAC

Baixo o título ‘Traballo en equipo’, esta dupla proposta expositiva conmemora e celebra a traxectoria do CGAC como centro museístico e o seu labor á fronte da colección pública de arte contemporánea de referencia na Galiza.

Vista da exposición no edificio do CGAC. (Foto: Mark Ritchie)
photo_camera Vista da exposición no edificio do CGAC. (Foto: Mark Ritchie)

Traballo en equipo. 30 anos do CGAC é unha dupla cita expositiva pata celebrar o trixésimo aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), na que este e o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura xuntan esforzos na organización de dúas mostras complementarias pero independentes que arrancan de xeito simultáneo en ambas sedes. 

A mostra supón a oportunidade única de ver unha selecta escolma de pezas e artistas da Colección CGAC, exhibidas por vez primeira en conxunto, que permiten non só trazar a liña de vida dos 30 anos do centro, senón tamén afondar nos cambios sociais, artísticos e culturais das últimas décadas a través da arte contemporánea. 

Percorrido pola historia

Nesta dupla cita expositiva, a sede do CGAC presenta até o 7 de xaneiro de 2024, baixo o título Unha historia posible do CGAC, un percorrido polas exposicións, actividades e publicacións promovidas polo centro desde a súa creación, con especial atención aos fitos e pezas singulares que marcaron a súa historia e, paralelamente, a evolución do contexto artístico na Galiza. 

Mediante un itinerario expositivo artellado entre a planta baixa e o soto, móstranse pezas que permitirán visualizar exposicións individuais e proxectos colectivos, con obras de Giovanni Anselmo, Esther Ferrer, Ángela de la Cruz, Hisae Ikenaga, Tracey Moffat, Valentín Vallhonrat, Dora García, Menchu Lamas ou Pamen Pereira, entre outros moitos.

Por outra parte, o Museo Centro Gaiás acolle até o 15 de outubro deste ano a mostra Relatos contemporáneos desde a colección CGAC, na que se achega a algúns dos temas do mundo contemporáneo como a ecoloxía, o feminismo, o poscolonialismo ou a arquitectura, a través dunha escolma de medio centenar de pezas da Colección CGAC, asinadas por artistas como Giuseppe Penone, Mona Hatoum, Tono Carbajo, Francisco Leiro, Berta Cáccamo, Mar Vicente, Marlon de Azambuja, Juan Gopar, Jorge Perianes, Patrick Hamilton, Ângela Ferreira, Suso Fandiño ou Mónica Alonso. 

Comentarios