martes 28/09/21
O Marco de Vigo reabre as súas salas principais coa exposición '4 proxectos'

Miradas para (re)descubrir a realidade

Catro proxectos de cinco artistas da Galiza son os encargados de reabrir as salas da planta principal do Marco de Vigo, que permanecían fechadas desde o comezo da pandemia. 4 proxectos é unha mostra que responde a un desafío: expor obras que dialoguen coa peculiar arquitectura do museo, organizada segundo os principios do panóptico. A resposta é un proxecto expositivo que nos propón diferentes formas de mirar a realidade e permiten descubrir perspectivas inéditas.
 
Un aspecto da instalación de Mar Vicente 'A sombra é a raíña da cor'.
Un aspecto da instalación de Mar Vicente 'A sombra é a raíña da cor'.

"O exercicio de cambiar de perspectiva, cambiar a mirada unidireccional, fai que vexamos as cousas de distintas maneiras”. Esta declaración de Mar Vicente podería servir como lema que agrupase as obras dos cinco artistas presentes en 4 proxectos, a exposición coa que o Marco de Vigo reabre as súas salas principais da planta baixa, que permanecían fechadas desde o inicio da pandemia. 

Relatos, luz, transformación matérica, intrahistoria do proceso artístico... son algúns dos argumentos que estruturan a exposición. Semella que a arte se autoexamina, non coa mirada narcisista dunha sociedade ensimesmada na súa propia imaxe, senón coa conciencia de que -precisamente- debemos aprender a mirarnos doutra maneira, de que debemos cambiar os puntos de mira e as premisas a que estamos afeitos. 

Cinco artistas da Galiza, nados entre 1965 e 1979, son os protagonistas desta mostra. Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970), Salvador Cidrás (Vigo, 1968) e Juan Cidrás (Moaña, 1965), Rosendo Cid (Ourense, 1974) e Mar Vicente (O Valadouro, 1979) aceptaron o desafío de estabelecer un diálogo cos espazos dun museo que, casualmente, está construído en correspondencia co concepto de panóptico. E as xerarquías da mirada teñen moito en común coas obras expostas.

Miradas alternativas

Mónica Alonso presenta unha instalación, A maxia do colibrí, de degustación demorada: hai que reconstruír un relato no que a beleza e a morte se colocan nos diferentes pratos dunha balanza. As historias de seis mulleres angustiadas polos seus medos interrógannos sobre a potencia dos nosos temores e fundamentalmente, sobre a ética das nosas decisións. O relato confesional e a poética da palabra levan á narración como fenómeno que transita entre a ficción e a non ficción, entre a ciencia e a superstición, para aplicar unha nova forma de ver a realidade, que se move entre dous polos opostos que buscan a conciliación, o encontro.

Rosendo Cid, con Todo aquilo que sucede e con todo non é, tamén bota man dunha certa forma de relato, aínda que nesta ocasión trátase de pescudar no proceso polo que o cotián se transforma en arte. A mirada do artista é, neste caso, o que lle outorga aos obxectos a categoría de arte, de representación simbólica do mundo. As preguntas que se fai o artista en relación coa súa actividade dan pistas sobre cales son os fundamentos desa mirada, sobre cales son os motores que desencadean a aparición dunha poética que ilumina os obxectos doutra maneira para transformalos niso que chamamos arte. A ironía non é incompatíbel coa lírica e, daquela, algunhas das obras que se expoñen permiten que o alcance da reflexión escape do solemne.

Juan e Salvador Cidrás levan, con As formas partilladas, o estrañamento da arte cara ao campo do aberrante -como eles mesmos confesan- coas súas obras téxtiles e de cerámica. A construción dunha linguaxe propia que empregue unha materia allea ás convencións da arte propicia que a mirada da persoa que contempla a obra dubide sobre a natureza do que está vendo. Cadros e esculturas de la adquiren unha aparencia ambigua que crean novas relacións entre texturas e planos e que obrigan a reconsiderar a natureza das formas. Igualmente, as pezas de cerámica forzan a buscar as relacións entre os volumes e as superficies.

A obra de Mar Vicente é a que expón con máis franqueza o seu interese en “intervir” sobre a mirada do público. Na instalación Pitágoras xoga coas distintas perspectivas e coa iluminación natural da sala para crear diferentes versións dun espazo “arquitectónico". E en A sombra é a raíña da cor -frase tomada do libro de Derek Jarman Croma- converte as sombras en cores, transforma o espazo tradicionalmente oculto no foco que revela novas dimensións da realidade. Entre a luz e a escuridade aparecen espazos que a nosa mirada debe explorar para descubrir novas facetas do que nos arrodea.

Os comisarios da exposición, Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto declaran que escolleron estes artistas “pola innegábel calidade da súa obra, por atoparse nun momento de especial intensidade e porque todos demostraron a súa habilidade á hora de intervir espazos e facerse con eles”

A experiencia do belo

Agradécese unha exposición como esta nun tempo en que a presenza cada vez máis invasiva dos medios audiovisuais provoca que sexa case imposíbel ver nada sen a mediación das súas representacións. Non está de máis lembrar que Adorno afirmaba que a experiencia do belo -e polo tanto da arte- debe transformarse en pensamento ou non existiría. E ese é o deber da arte: propiciar unha mirada que proxecte o xuízo, que busque novos emprazamentos desde os que observar o mundo e descubrir nel perspectivas inéditas para explorar. 

Os comisarios da exposición, Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto declaran que escolleron estes artistas “pola innegábel calidade da súa obra, por atoparse nun momento de especial intensidade e porque todos demostraron a súa habilidade á hora de intervir espazos e facerse con eles”. Tras debater as liñas xerais de cada proxecto, que encaixaron dun modo natural nos espazos dispoñíbeis, comisarios e institución convertéronse en mediadores para que as ideas dos artistas se plasmasen como imaxinaron. 

comentarios