O 'díptico de Bouts' chega a Polonia para ser restituído aos seus donos

O Ministro de Patrimonio Nacional do goberno polaco convidou á delegación pontevedresa para agradecer persoalmente a celeridade e boa disposición na devolución do díptico de Bouts
Cadros espoliados polo réxime nazi que o Museo de Pontevedra retornará Polonia. (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Cadros espoliados polo réxime nazi que o Museo de Pontevedra retornará Polonia. (Foto: Deputación de Pontevedra).

Representantes da Deputación e o Museo de Pontevedra trasladaranse a Polonia para participar na cerimonia de restitución dos cadros espoliados polos nazis localizados na institución provincial.

A viaxe foi organizada polo  Goberno polaco, a través do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, en agradecemento pola celeridade e boa disposición pontevedresa na devolución do díptico de Bouts, realizada sen ningunha contraprestación económica e só como feito de “xustiza histórica”. 

Na delegación pontevedresa participará o vicepresidente da Deputación e responsable político do Museo César Mosquera -quen asinou o pasado mes de xaneiro a acta de cesión dos cadros do Ecce Homo e a Dolorosa-, o director do Museo José Manuel Rey, a deputada de Memoria Histórica María Ortega e o deputado de Economía Carlos López Font. Foi convidado a asistir tamén o grupo provincial do Partido Popular, quen declinou participar.  

 

A comitiva ten preparada xa unha intensa axenda institucional para hoxe. Realizarase, entre outros actos,  unha recepción no Museo Nacional de Poznan (entidade á que están asociadas as pezas restituídas), cunha reunión co director Tomasz Lecki, así como coa especialista xefe do Departamento de Cooperación Internacional Katarzyna Tomczynska, e o especialista xefe do Departamento de Restitución de Bens Culturais, Mariusz Wisnieswski. 

Este museo estableceuse en 1857 como o ‘Museo de Antigüidades Polacas e Eslavas’. Durante a Segunda Guerra Mundial o edificio foi danado, a colección saqueada, mentres que numerosas exhibicións, incluídas as coleccións naturais e etnográficas, foron destruídas.

Despois da guerra, o goberno polaco recuperou unha parte das obras incautadas pola Alemania nazi, mais a día de hoxe continúa os traballos para a localización e devolución de boa parte das pezas, consideradas perdidas.

Na sexta feira celebrarase a cerimonia de traslados dos cadros restituídos a Polonia polo Museo de Pontevedra no castelo de Goluchow, de onde foran roubados na II Guerra Mundial e actualmente propiedade do Goberno polaco, onde o díptico será exposto definitivamente ao público. Este castelo vén de ser recentemente reformado, de feito, co obxecto de mellorar a súa calidade expositiva. 

Comentarios