Estreleira reivindica os símbolos da Terra en Ourense

Un desfile cívico conmemorará a proclamación da I República Galega

Estreleira leva meses a producir os 50 emblemas das comarcas do país coa axuda dos especialistas en heráldica e deseño gráfico, Héitor Picallo e Elena Penas.

Escudo da Galiza no Sherborne Missal (c. 1399-1407).
photo_camera Escudo da Galiza no Sherborne Missal (c. 1399-1407).

O vindeiro domingo 26 de xuño, Projeto Estreleira quere escenificar en Ourense "os símbolos, a terra e a memória" cun desfile que conmemore a proclamación da República Galega en xuño de 1933 e da vitoria no referendo do estatuto nese mes de 1936.

A marcha estará encabezada polas bandeiras sueva, do antigo reino, da serea e a bandeira da patria galega, xunto as que marcharán gaiteiros galegos e percusionistas portugueses (as coñecidas treboadas).

A continuación, persoas voluntárias portarán as enseñas das 50 comarcas. E finalmente, un bloque que representará a loita con emblemas de colectivos galegos de todas as batallas de emancipación, desde o provincialismo até Nunca Máis. O público poderá sumarse: haberá repartición de bandeiras galegas para unirse á comitiva. 

 

Simboloxía innovadora

Coa axuda dos especialistas en heráldica e deseño gráfico, Héitor Picallo e Elena Penas, Estreleira leva meses a producir os 50 emblemas das comarcas do país, reforzados coa lenda ‘República da Galiza’. 

"Nalgúns casos, son reproducións de emblemas xa existentes e cunha tradición histórica, en xeral, o escudo do municipio máis importante da comarca que se emprega como emblema de toda a zona, como no caso de Pontevedra ou Vigo", explica Picallo a Nós Diario. "Máis noutros casos nos que faltaba esa tradición, elaboramos  un escudo comarcal mediante a combinación de símbolos de varios concellos da comarca".  

A nova iconografia foi anunciada en redes sociais, e Estreleira comezou xa a distribuír parte dos brasóns en formato de adhesivos. 

Segundo explican desde Estreleira, esta será a primeira vez na historia do galeguismo que os emblemas locais protagonizan un acto nacionalista.

Comentarios