A república galega de 1931

Significa a capacidade de loita do pobo galego, a conciencia do espolio e da discriminación do país e o convencemento das súas fortalezas para valerse por si mesmo. Os sucesos vividos nos últimos días de xuño de 1931, que remataron coa proclamación da república galega en diversas cidades e vilas, supera a anécdota histórica para informarnos das potencialidades do país.

republica galega
photo_camera Manifestación previa á proclamación da república galega en Ourense. Ourense, 25 de xuño de 1931 (Vida Gallega)

A suspensión das obras do ferrocarril Madrid - A  Coruña nos seus tramos galegos polo goberno provisional republicano foi o detonante do estoupido social que remataría coa proclamación da república galega. A decisión de paralizar os traballos decretada polo ministro de fomento Álvaro de Albornoz, atendendo aos recortes orzamentarios ordenados polo máximo responsábel de facenda Indalecio Prieto, implicaba deixar sen emprego ao arredor de quince mil traballadores empregados nos tramos galegos da obra e paralizar unha actuación que acumulaba décadas de retrasos. O camiño de ferro Madrid - A  Coruña fora proxectado en 1855, correspondéndolle a autoría do trazado ao destacado político liberal Práxedes Mateo Sagasta, porén a súa execución no se iniciaría até décadas máis tarde, sendo retomado á altura de 1926, no marco do programa de obras públicas impulsada pola ditadura de Primo de Rivera, e rematado á volta dos anos cincuenta.

O goberno central paraliza as obras do ferrocarril galego

As protestas de xuño de 1931 non se explican sen a existencia dunha conciencia de agravio e marxinación na sociedade galega. Alén das reivindicacións inmediatas concretas de orde laboral, neste conflito será decisivo o malestar polos retrasos nas obras dunha infraestrutura que se consideraba chave para o país e a decisión do goberno republicano de priorizar actuacións en infraestruturas noutras partes do Estado, como por exemplo en Bilbo, a cidade do dirixente socialista e ministro de facenda Indalecio Prieto. A este respecto son ben significativas as opinión editoriais recollidas en diversos medio de prensa galegos, sinalando El emigrado d´A Estrada, que “ a suspensión formulará un problema aterrador para 15.000 obreiros condenados ao paro forzoso, e o que aínda é máis lamentábel para nos os galegos, coincidira esta paralización das obras do noso ferrocarril cunha concesión que se lle fillo ao de Bilbo”. O mesmo xornal estradense sintetizará o problema afirmando que “o pobo galego non podía nin debía consentir que o humillasen privándoo dunha das súas maiores aspiracións e dándolle trato de desigualdade respecto a outras rexións”.

O conflito  acadou unha dimensión nacional malia que a súa intensidade foi maior naquelas comarcas onde se estaban executando as obras do ferrocarril. A este respecto, outra vez  El emigrado sinalaba, após dar conta da proclamación da república galega en Ourense e Santiago de Compostela o 27 de xuño, que  “tamén se tería secundado este último día aquí n´A Estrada e noutros pobos de Galiza de non recibirse un telegrama de Madrid comunicando a continuidade das obras”. Na mesma liña, sabemos da declaración da independencia de Galiza n´O Carballiño, capitalidade da comarca considerada como auténtica zona cero da protesta, onde tras a dimisión do alcalde e dos concelleiros da corporación en sinal de protesta, unha manifestación formada por operarios das obras e poboación da vila toma o concello o 23 de xuño, promulga o Estado galego e planta lume á bandeira española, nuns feitos nos que se sinalará Ernesto Atanasio “O Corcheiro” na altura militante da CNT, posteriormente afiliado a Sociedade Nacionalista Pondal e andado o tempo militante da AN-PG e do BNG

Ourense declara a independencia de Galiza o 25 de xuño

O 25 de xuño de 1931 Ourense acolle a proclamación da república galega. As resolucións das asembleas de traballadores na area ourensá das obras e os acordos dos plenos da corporación chamaban a poboación da provincia a concentrase na capitalidade da provincia para facer máis patente á presión ao gobernador civil, na súa condición de representante do Estado. Malia a boa disposición de López Bouza, que chegaría a dimitir das súas responsabilidades en 1932 por uns feitos análogos, a cerrazón do goberno central provocaría unha primeira situación de tensión o día 23, acordándose posteriormente nunha xuntanza dos manifestantes solicitar a dimisión das súas responsabilidades  de todos os concelleiros electos, a negativa a pagar impostos ao estado e a renuncia a comparecer ás eleccións xerais previstas para o 28 de xuño. O día 24 sucédense os contactos entre as forzas políticas, cargos electos e dirixentes obreiros que acordan convocar unha asemblea masiva para o día 25 en Ourense e reciben o respaldo de varios concellos zamoranos, algúns dos cales, concretamente da comarca da Seabra,  solicitaran nos días seguintes a súa incorporación a Galiza.

A xornada do día 25 sucedese entre asembleas, mitins e protestas. A media tarde, nun acto organizado na Alameda, acordase decretar a folga xeral no conxunto da provincia e formalizar a dimisións dos cargos electos, citándose de novo no goberno civil, onde permaneceran os manifestantes até media noite. Arredor  da unha da madrugada unha grande manifestación, conformada por persoas chegadas de todas as comarcas de Ourense así como do Deza, desprazase á casa do concello, onde penetran un grupo de persoas que retiran a bandeira española, izan a galega e da por proclamada a república galega. Os sucesos de Ourense acadaran un grande seguimento na prensa peninsular, europea e americana, merecendo a atención dalgúns correspondentes estranxeiros tan significados como o escritor Jhon dos Passos, que redactará crónicas para algúns medios norteamericanos como o Chicago Tribune, onde sinala que “Na esquina noroeste de España, naceu unha nova nación, a República da Galiza,  que aspiraba a dignidade dun estado federal”, afirmando noutro lugar que “en Ourense, un pequeno grupo de conspiradores, tocou campas e fixo sonar sirenas antes do amencer desta mañá, proclamando a República de Galiza. Con Cataluña esixiron autodeterminación no marco federal”.

Santiago de Compostela proclama o estado galego o 27 de xuño

O 27 de xullo Santiago de Compostela declara a República de Galiza. O xoves 25 de xuño, nunha asemblea obreira celebrada na cidade, segundo recolleu El pueblo gallego , xa se acordou “a idea de imitar o exemplo de Cataluña, proclamando o Estado galego como medio de evitar no sucesivo as continuas desatencións a Galiza por parte do poder central” porén a decisión faríase efectiva dous días máis tarde. Á volta das sete da tarde, celebrase un mitin masivo na Alameda coa participación do militante de Esquerda  Galeguista, Xosé Carnero Valenzuela, o dirixente sindical asasinado en 1936 Eduardo Puente “O Necoras” e os nacionalistas retornados da emigración arxentina  Pedro Campos Couceiro e Antón Alonso Ríos. Mentres o primeiro afirma que “Galiza está en pé, en aberta revolución, para conseguir a súa liberdade, a autonomía e a independencia absoluta”, o segundo sinala que “neste momento non nos interesa a república española senón a galega chamando a demandar unha Galiza soviética se fai falla”, rematando Campos Couceiro que “é preciso recadar de xeito revolucionario e intenso, a autonomía como Portugal e Cataluña, porque o Estado central atounos sempre, sempre nos oprimiu baixo todos os sistemas e formas de goberno”.

Alonso Ríos presidente da xunta revolucionaria de Galiza

Os manifestantes decidiron saír en manifestación ao remate do mitin cara o pazo municipal. Segundo recolle El pueblo gallego “ a manifestación dirixiuse ao concello, izándose a bandeira azul e branca no edificio e proclamándose o Estado galego. O pobo pediu clamorosamente que Alonso Ríos ocupase  a presidencia da Xunta revolucionaria e entón, dixo que esta era do pobo”. A intervención de Alonso Ríos nesa xornada non deixa dúbidas sobre as súas intencións, afirmando que “a verdadeira vontade galega, democraticamente revolucionaria, aínda non deixou ouvir a súa voz, e eu conxúrovos cidadáns a que fagamos a nosa revolución por riba de todos os poderes centrais, proclamando a nosa independencia e abrazándonos, se fai falla, a Portugal a nosa irmá”. A proclamación da república galega é o nomeamento de Alonso Ríos como presidente veu precedido de todo un movemento de mobilización social que mesmo provocou a dimisión de practicamente de todos os cargos institucionais da comarca.

A república galega de 1931 non pode ser reducida a unha mera anécdota  sen ningunha significación histórica. Malia que abondou coa decisión do goberno central de  retomar as obras para rematar coa protesta, o mero recurso á independencia certifica a existencia dun estado de opinión no país consciente da súa marxinación e da capacidade para valerse por si mesmo. Mesmamente, nesta liña, non  se explicaría a proposta dunha Galiza separada de España como medida de presión fronte a Madrid, se non fose socialmente hexemónica a consideración de que o país saía prexudicado na súa relación no estado e que este operaba como un impedimento para a mellora das condicións materiais de vida do pobo galego.

Comentarios