A Deputación da Coruña adxudicará 1,1 millóns a festivais culturais en 2022

A Área de Cultura da Deputación da Coruña, que dirixe o nacionalista Xurxo Couto, destinará 1,1 millóns de euros á celebración de festivais organizados por Concellos e asociacións sen ánimo de lucro.
Xurxo Couto, Mercedes Rosón, Guillermo Fernández e Anxeles Porto na presentación do festival 'Feito a man' de 2019. (Foto: Europa Press)
photo_camera Xurxo Couto, Mercedes Rosón, Guillermo Fernández e Anxeles Porto na presentación do festival 'Feito a man' de 2019. (Foto: Europa Press)

A Área de Cultura da Deputación da Coruña destinará en 2022 un orzamento de 1,1 millóns de euros a festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas organizados por Concellos ou entidades sen ánimo de lucro.

Cada unha das convocatorias, para Concellos e para asociacións, terá unha contía de 550.000 euros.

Os municipios que comprende a Deputación optarán a un máximo de 75.000 euros, mentres que os colectivos provinciais até 50.000.

Poderán acceder ás subvencións os festivais culturais organizados de modo recorrente con identificación e marca propia e recoñecíbel, programación diversa que aglutine diferentes propostas artísticas, data de realización consolidada e orientación a públicos amplos arredor dunha proposta de contidos coherente e definida. 

"Apoiar os festivais significa apostar pola difusión e a creación cultural a través do que son verdadeiras plataformas de promoción das propostas existentes e tamén de creación de emprego e riqueza", explicou o responsábel de Cultura da Deputación, Xurxo Couto.

Promoción de citas culturais consolidadas 

Cineuropa, Curtocircuíto, Cinema Miúdo, Carballo Interplay, a Mostra de Curtametraxes Vila de Noia, Mares do Fin do Mundo de Outes, a Mostra de Teatro Galego de Cariño, a Foliada de Melide e Jazz Noia foron algúns dos festivais audiovisuais organizados por Concellos que recibiron axuda da Deputación en 2021

Entre os promovidos por asociacións estiveron o Feito a Man de Santiago, Galiza Blues de Noia, Irmandiños de Moeche, FIOT de Carballo, Atlántica, Titiriberia, Galicreques, a Mostra Internacional de Cinema Periférico do Museo do Pobo Galego ou o S8, Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña.

Comentarios