100.000 euros para a promoción do cine en galego da Deputación da Coruña

Oito filmes serán distribuídos na provincia da Coruña, películas galegas ou dobradas ao galego que se poderán gozar nas pantallas tanto públicas como privadas.

Fotograma de 'Nación'. (Foto: NÓS Produtora Cinematográfica Galega)
photo_camera Fotograma de 'Nación'. (Foto: NÓS Produtora Cinematográfica Galega)

Filmes como Nación de Margarita Ledo, A virxe roxa de Marcos Nine, ou Negro púrpura de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, forman parte dos oito títulos feitos na Galiza ou dobrados ao galego que chegarán as pantallas públicas e privadas despois da resolución de axudas da Deputación da Coruña.

Esta liña de subvencións outorgou 96.352,67 euros a empresas de produción e distribución audiovisual para o apoio á distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante este ano.

As achegas, que van desde 8.412 euros até 25.500 euros, tamén inclúen a difusión da película internacional dirixida por Cristi Puiu, Malmkrog, e o documental sobre a historia do punk no Estado, No somos nada, de Kikol Grau.

A curtametraxe de animación The Monkey, creada por Xosé Zapata e Lorenzo Degl’Innocenti, é outra das obras que se exporán nos cines do noroeste da Galiza, xunto ao filme portugués A metamorfose dos paxaros, baixo a batuta de Catarina Vasconcelos, e Cuñados, de Toño López.

Atrancos para o cine en galego

Apunta a Deputación que esta liña de axudas está pensada co obxectivo de “eliminar os atrancos que, historicamente, atopan tanto o cinema galego como o cinema dobrado ao galego para a súa distribución en salas de exhibición”.

O responsábel de Cultura do órgano provincial, Xurxo Couto, destaca que esta convocatoria “atalla a anomalía que supón a dificultade de asistir á proxección dos contidos audiovisuais de altísima calidade que se están a producir na nosa lingua”.

Polo que, sinala, sitúa a Deputación á fronte "do apoio á distribución do cinema en galego".
 

Comentarios