Deconstruíndo as Irmandandes da Fala

Unha publicación dixital do Consello da Cultura Galega, con máis de 500 páxinas, contextualiza e revisa o fenómeno deste movemento histórico desde a perspectiva peninsular, europea e da diáspora.

irmandades_fala_ccg
photo_camera Detalle da publicación do Consello da Cultura Galega, accesíbel na súa web (Nós Diario)

As Irmandades da Fala no seu tempo: perspectivas cruzadas é o título da última publicación do Consello da Cultura Galega (CCG), que permite situar o movemento histórico no seu contexto actual, nunha análise comparada desde a perspectiva peninsular, europea e da súa dimensión americana e na diáspora.

O texto nútrese das conferencias realizadas entre 2016 e 2018 coas que o CCG conmemorou o centenario da fundación das Irmandades da Fala. Ramón Villares, Xosé Manoel Núñez Seixas e Ramón Máiz foron os coordinadores destas citas e da actual publicación.

Os tres expertos participan nunha conversa, que foi gravada previamente e que desde este sábado está dispoñíbel na páxina web da institución, ao igual que a publicación.

O volume está dividido en tres seccións, que contan coa participación de historiadores, politólogos e lingüistas, como son Johannes Kabatek, Joep Leerssen, Justo Beramendi, Isabel Burdiel, Borja de Riquer, José Luis de la Granja Sainz, Alfonso Iglesias Amorín, Henrique Monteagudo, Emilio Xose Ínsua, Raúl Soutelo, Carlos Pazos-Justo, Pilar Cagiao e os tres coordinadores.

Nacionalidades en Europa

A obra repasa o desenvolvemento político das nacionalidades en Europa durante a Primeira Guerra Mundial, con atención ao contexto peninsular, desde os postulados rexionalistas de Emilia Pardo Bazán até as estratexias vasca e catalá.

Igualmente, abórdase o emerxente nacionalismo galego e a súa pegada en países como Cuba e o Uruguai, así como tamén en Lisboa.

Comentarios