Culturgal superou os 10.000 visitantes nunha edición con máis de 200 actividades

A organización considera que se inaugura un "cambio de ciclo".
Culturgal
photo_camera (Foto: Culturgal)

A Feira das Culturas Galegas rexistrou este ano máis de 10.000 visitantes durante os tres días de duración do evento, segundo datos da organización. Con estes datos, Culturgal recupera a baixada de público do ano pasado, para situarse en cifras que superan as de 2021.

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu nesta fin de semana máis de 200 actividades, entre a programación xeral e a dos expositores, que conseguiron atraer o interese dunha audiencia variada que se repartiu entre as diferentes propostas de maneira fluída. Con isto, a Feira conseguiu cambiar a dinámica dos últimos anos, tanto na súa filosofía como na relación co público, inaugurando unha época distinta para Culturgal, que aspira a seguir expandíndose.  

O público encheu na mañá do domingo a sala de cine da Feira para ver O Corno, cun coloquio posterior ao que asistiron Jaione Camborda e Anna Palazón, a doula que a asesorou no proceso de concepción do filme. A directora localizouna por varias razóns. Primeiro, para que Janet Novás, finalista como mellor actriz novel nos premios Goya, "puidese ver un referente nela e na súa seguridade". Mais tamén nalgún momento se volveu "importante contrastar cousas".  

A sesión de cinema continuou con outra historia con gran protagonismo das personaxes femininas. Matria proxectouse en Culturgal cun coloquio moi especial ao que asistiron, ademais do director Álvaro Gago, Francis, a muller que inspirou a personaxe de Ramona, e as rapazas da conserveira.

 A lírica tivo tamén un peso especial cun recital que reuníu catro voces fundamentais da poesía contemporánea galega: Helena de Carlos, Oriana Méndez, Yolanda Castaño e María Lado. Desde o seu singular estilo, do íntimo ao prosaico, cada unha delas transportou ao público aos seu mundo interior de emocións e pensamentos.  

María Lado estivo antes no Pazo da Cultura protagonizando conversas no ascensor, unha sorte de performance na que a actriz e poeta intentou, a partir de paroladas banais, descubrir as motivacións que traen ao público á Feira e reflexionar sobre o que é a cultura. Tamén pasou por Culturgal Kiko da Silva, desta volta para achegarnos ao seu proceso de creación dentro do Ciclo Ilustrando: Ilustración en vivo. Ademais del, estiveron hoxe Miguel Robledo, Tomás Guerrero e Eli García achegando esta disciplina ao público.

Xesús Fraga presentou Río Miño, unha viaxe entre solsticios, entrevistado por Ramón Rozas. Segundo o autor, trátase dunha obra con "moita hemeroteca" que se mira "no espello de ríos grandes e pequenos, como El río del olvido, de Julio Llamazares, e O Danubio, de Magris". Zúñiga + Velpister levaron as letras ao territorio musical co seu espectáculo de narración e piano que reivindica os xéneros híbridos. Culturgal botou o feche cun fin de festa moi particular, un "pasafeira" da man da Orquestra Galega de Liberación. 

Comentarios