Os Tristes

"A cultura é unha ferramenta para sermos máis libres, máis críticos e menos manipulábeis"

Os Tristes versionan exitazos de onte e de hoxe en chave de humor
Os Tristes
photo_camera Os Tristes

Os Tristes amenizan festas. Tamén fan bautizos, vodas e comuñóns. Eles son Federico Pérez e Marcos Pereiro e o seu repertorio está conformado por éxitos de onte e de hoxe "difíciles de mellorar" para "empeoralos". Tamén son trending topic con videoclips como "Galopín" ou "Non está mal". Co humor e a música como bandeira, conversamos disto e máis con Federico Pérez.

Recollo unha pregunta lanzada por vostede nas redes: "Os  Tristes. Cultura, entretemento ou están neste mundo porque ten que haber de todo?"

Parece unha pregunta dun exame de oposición [ri]. É un vacile, que é como eu entendo a vida. Son un tipo que procuro rirme moito de min mesmo. É que ás veces é demasiada a transcendencia e o dramatismo que se lle dan ás cousas... ás veces deleitámonos moito nos dós. Sempre apelo nese sentido á nosa forma de ver a vida, ao humor co que nos enfrontamos ás cousas. Os galegos vemos a morte e as formas de vivir os dós doutra maneira, e non creo que iso sexa menosprezar as situacións da vida. É unha ferramenta que utilizamos para levalo mellor e é un pouco como naceron Os Tristes. 

Como comezou o grupo?

Empezamos co tema dos Tristes hai uns anos, en programas de televisión, e démoslle vida exterior. Agora co confinamento temos máis tempo libre para pensar cousas e levalas a cabo. Collemos cancións que son difíciles de mellorar e empeorámolas, porque o que si temos é unha capacidade tremenda para empeorar cousas [ri]. 

E con éxitos de onte e de hoxe. Que hai das letras?

A min é algo que sempre me gustou, inventar letras, porque para xente que non controlamos inglés o recurso é inventar. Marcos domina a parte técnica e sacamos estes videoclips. Comezamos cunha parodia dos típicos dúos musicais de teclado e voz, destes que se contratan na parroquia cando na comisión de festas non hai cartos para unha orquestra grande. Acabamos sendo parodia de nós mesmos porque agora facemos iso. E paréceme precioso. Repito que somos moi pallasos porque nos encanta facer humor. Comezamos a cantar, a facer sesións vermú, festas pola noite... mesturamos humor con cancións e tamén cantamos nós. 

Como vive a relación que existe entre música/humor? 

Son dúas das cousas que máis me enchen. Dos catros pés da miña mesa, eses son dous fundamentais, humor e música. Son dous dos eixes fundamentais da miña vida. A música para vivir, para relaxarme, encabronarme, durmir, como melómano. Marcos respira un pouco parecido, no humor e na música tamén. A verdade é que se nos presentou unha ecuación moi chula para despexar outra X. Con todos os meus respectos á xente que vive da música, que a estuda, que a ensaia a diario, porque teño moitos amigos entre eles. O propio Xabier Díaz escribía no comentario dun vídeo que Os Tristes eramos "intrusismo necesario", e fíxome moita coña, el é moi amigo. Intrusos porque non acabamos de ser músicos, mais dámoslle o noso punto de vista e iso é o máis chulo. Sobre todo porque a primeira función é a autodiversión.

A nivel cultural, como  está a vivir esta situación?

A cultura xa sempre estivo -ou está- un pouco no arame. Sempre fomos equilibristas, buscando a forma de non caer e seguir manténdonos na corda. Hai unha frase que me gusta para explicar o que acontece neste país: "Cultura si, pero daquela maneira". A cultura é unha ferramenta para sermos máis libres, máis críticos, máis felices e menos manipulábeis. Mais iso tamén é co que xogan as institucións, que queren que a xente reflexione menos. Con isto que estamos vivindo a situación agrávase, imos a remolque de todo o que se fai -ou non- en Madrid, estamos á expectativa dos demais e non hai unha posición clara -ou si, para que non molestemos moito-. As subvencións son axudas da administración para case todos os sectores, desde a automoción. É importante que exita unha cobertura pública para que as cousas sexan accesíbeis. A cultura é unha forma de solidariedade, é transmitir contidos para que a xente se sinta mellor. A economía debería estar ao servizo das cousas que realmente deberan mover o mundo: a educación, a sanidade, a cultura.

Comentarios