Comeza a sexta edición de 'Elas son artistas'

A primeira cita será este sábado 15 de abril (20.30 horas) no Concello de Oleiros coa violinista, cantante e compositora Maria de la Flor, quen reivindica o valor da música tradicional en tempos de auto-tune.
Presetación do festival, onte, na Coruña.
photo_camera Presetación do festival, esta terza feira, na Coruña.

As primeiras confirmacións que dan forma a sexta edición do Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes, Elas Son Artistas, presentáronse esta terza feira no Teatro Colón. Os eventos iniciaranse este sábado 15 de abril no Centro Cultural A Fábrica en Oleiros coa violinista, cantante e compositora, María de la Flor e a súa música conectada coa tradición. O día 21 no Centro Cívico Cultural do Concello de Arteixo será a quenda de Eva McBel que presentará o seu primeiro elepé, I'm glad you happened, unha reflexión sobre a vida e un punto e final a un camiño de reconciliación coas súas raíces. 

Os espectáculos de Elas Son Artistas, ocuparán diversos espazos da área metropolitana. A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada son os concellos que este ano o farán posible, sumándose a esta loita e reivindicación pola igualdade na música e nas artes, e polos que tamén pasarán bandas como Hermana Furia o 13 de maio na Sala Mardi Gras. O jazz da flautista e compositora coruñesa María Toro inundará por completo a Sala Garufa Club o 31 de maio.

A primeira das grandes bandas internacionais, Jane Lee Hooker chegará 30 de xuño á Sala Mardi Gras, presentando o seu último traballo, Rollin'. A cantante Su Garrido Pombo e a pintora Xoana Almar, da Cooperativa Cestola na Cachola encherán de arte a Praza de Azcárraga o 12 de xullo, e unha semana despois, o día 19, Cris Regueiro & The Neo Band actuarán no mítico Jazz Filloa, outra proposta que amosa o vivo que está o jazz galego.

Final ao grande 

Setembro chegará coas actuacións de Carolina Rubirosa e Aüdra o día 15 na sala Xulio Cuns do Concello de Betanzos e máis adiante, o humor de Reinas Malas con, as Izquierdo Sisters (Lucía Veiga e Marita Martínez) e Niñas de la Risa (Diana Sieira e Ángela Triana), por outra, o día 22 de setembro no Auditorio do Burgo, en Culleredo.

O regreso dos holandeses The Dirty Denims ao ciclo metropolitano abrirá o mes de outubro o día 4 na sala Mardi Gras, e uns días despois, na sala de Monte Alto, actuarán The Niftys. Alice Wonder, estará no 24 de novembro no Teatro Colón poñendo fin a unha sexta edición realmente emocionante e da que proximamente se dará a coñecer o resto da programación repartida pola área metropolitana da Coruña.  

Comentarios