Carolina Rubirosa: "Estou moi orgullosa por participar nun festival que pon a atención nas linguas minorizadas"

A cantante Carolina Rubirosa será a representante galega este ano no Festival Internacional de Liet, coñecido como o 'Eurovisión das linguas minorizadas'. No certame, que terá lugar este 13 de maio en Dinamarca, interpretará O teu camiñar, unha canción que conta cun videoclip inspirado na viaxe a Santiago que John Lennon planeou facer con Dalí polo Camiño Inglés. Por ese motivo, a irmá do músico de Liverpool, Julia Baird, completou ese percorrido e colaborou no videoclip da canción de Rubirosa.
A cantante e compositora Carolina Rubirosa presenta este ano dous traballos discográficos (Foto: Chema Ríos).
photo_camera A cantante e compositora Carolina Rubirosa presenta este ano dous traballos discográficos (Foto: Chema Ríos).

Que representa para vostede participar no certame do Liet Internacional?

A nivel profesional é algo incríbel para min. A verdade é que estou moi orgullosa, non só como música senón tamén como galega por participar nun festival que pon a atención precisamente nas linguas minorizadas. Moito máis que se fora en castelán por ter eu a identidade galega moi marcada. Por outro lado, a nivel profesional é unha plataforma moi importante. Vai haber trece participantes, contándome a min, e será toda unha oportunidade.

Cal foi a súa fonte de inspiración para crear a canción que vai representar Galiza en Dinamarca?

Escribina pensando no Camiño Inglés. Teño que dicir que foi unha canción feita a propósito, a modo de banda sonora desa ruta. Ao mesmo tempo a propia canción fala da vida. Cada unha de nós ten as súas motivacións cando inicia esa peregrinaxe, eu mesma tiven as miñas cando comecei a carreira profesional como música. 

Adoitan crearse relacións fraternais moi especiais cando atopas xente que camiña contigo e falo un pouquiño diso tamén na canción. Explico a sensación de dar a man ao que tes ao lado, de axudar e de deixarse axudar. Tamén ten moito que ver coas relacións humanas que xorden na vida e no propio Camiño.

No videoclip que ilustra a peza participa a irmá de John Lennon, Julia Baird. Como chegou a contar coa súa colaboración? 

Foi a través dunha anécdota moi curiosa. Sabía que Dalí e John Lennon quixeron facer o Camiño Inglés cun grupo de hippies nos anos 70. A idea partiu do pintor catalán e non se chegou a concretar malia que se intercambiaron varios telegramas para preparar a viaxe.

Nós recuperamos esa proposta e puxémola en coñecemento da súa irmá,  Julia Baird, e ela aceptou encantada. Foi así como naceu como a canción oficial de promoción do Camiño Inglés. 

Este ano presenta dous traballos discográficos. Como aconteceu esta circunstancia?

Estes dous traballos danse ao mesmo tempo, coincidindo no mesmo ano, algo que non é habitual. Foi todo froito da pandemia, como lle pasou á maioría das compañeiras e dos compañeiros de profesión, que tivemos que atrasar a presentación. No caso do primeiro LP, Tierra de nadie, aínda non teño pensado cando sairá á venda e polo pronto vou ir presentando os sinxelos, seguramente despois do verán. 

E no caso de Alén do mar a gravación realiceina o ano pasado e era algo que tiña en mente con anterioridade. Partiu dunha colaboración que fixen durante a pandemia. Convidáronme a un recital de poesía internacional no que tiña que musicar un poema obra de Indran Amirthanayagam que gustou moito. Daquela pensei que podía facer algo máis global. O propio Indra púxome en contacto co resto de poetas.

Decidín convidar dúas escritoras galegas que, ademais, admiro moito: Yolanda Castaño e Eva Veiga. Graveino en novembro e a súa realización foi algo moi natural para min. Acostumo a compor as miñas cancións e non a musicar textos alleos. Neste caso a tarefa foi complexa ao ter os textos unha métrica irregular. Busquei que encaixaban ben e, a maiores, pedinlle ás autoras e aos autores que pensaran o poema adaptábel.   

A súa música ten influencias moi variadas. Como definiría o seu estilo?     

En realidade son moi ecléctica cando compoño mais tamén ao escoitar música. Escoito moitos grupos desde sempre e esas influencias á hora de escribir están aí. 

Comentarios