Comeza na Coruña o ciclo de danza e performance 'De corpos presentes'

Irene Ducajú inicia as actuacións, esta cuarta feira, 28 de febreiro, co solo de danza 'Res íntima'.
'Res íntima' de Irene Ducajú
photo_camera 'Res íntima' de Irene Ducajú

Hoxe comeza o ciclo de mostras, encontros e formación arredor do corpo, o movemento e a performance da plataforma galega De corpos presentes. Entre o 28 de febreiro e o 28 de marzo, De Corpos Presentes-Plataforma galega para as artes performativas contemporáneas, reunirá traballos que apostan pola exploración das formas, os discursos comprometidos, a proximidade afectiva, os vínculos entre a biografía persoal e os relatos colectivos, e a relación entre vulnerabilidade e risco.

A selección do programa, realizada por Sabela Mendoza, inclúe as artistas Irene Ducajú, Cris Balboa, Alejandra Balboa e Pavel Amilcar, Mari Paula e José Venditti e María Llanderas, quen presentarán as súas propostas e compartirán os seus procesos creativos ao longo destas semanas; un total de nove actividades que terán lugar nas sedes da Normal, da Universidade da Coruña (Paseo de Ronda, 47), e de Acéfala, na Coruña, e na Casa de Cultura de Outes.

Irene Ducajú inaugura a mostra

Irene Ducajú presenta esta cuarta feira, 28 de febreiro, na Normal, ás 19.30 horas, Res íntima, un solo de danza no que revisita a fisicalidade dun corpo xa pasado, un corpo que fuxía de si, xogando coa exposición da intimidade en busca da traizón da propia biografía.

Mañá, 29 de febreiro, Alejandra Balboa, creadora e bailarina galega, compartirá na sala Almacén de Normal as derivas de Cando lle permito ao corpo aquilo que digo, un proxecto de investigación artística sobre o sentido do gusto e o concepto de degustación tanto no ámbito da creación artística como na propia linguaxe de movemento, que se poderá ver a sexta feira, 1 de marzo, ás 19.30 horas.

Tamén mañá, no espazo Acéfala, ás 20 horas, Cristina Balboa presentará a performance Sinte, que tenta "inducir estados de ánimo colectivos a través da música electrónica". 

Comentarios