Comeza en Carballo a sétima edición de "Amal en Ruta 2024"

A mostra rende homenaxe ás vítimas dos últimos acontecementos vividos no mundo árabe, o terremoto de Marruocos, as inundacións de Libia e a guerra contra o pobo palestino
Un fotograma de 'Entre as figueiras', da directora francotunesina Erige Sehiri.
photo_camera Un fotograma de 'Entre as figueiras', da directora francotunesina Erige Sehiri.

O presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez, presentaron hoxe en rolda de prensa, no Pazo da Cultura de Carballo, o sétima edición do ciclo de cine euroárabe "Amal en Ruta Carballo 2024". Este ciclo está organizado conxuntamente por ambas as entidades co obxectivo de achegar a sociedade árabe a Galiza, romper estereotipos e ofrecer unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea.

Amal en Ruta Carballo é un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, celebrada en Santiago o pasado mes de outubro, e consta de catro ficcións e un documental

A primeira sesión será hoxe, 22 de febreiro, coa película Entre as figueiras, da directora francotunesina Erige Sehiri, unha historia que se desenvolve no rural de Tunisia, onde conviven distintas xeracións divididas pola revolución de 2011.

O sábado 24 proxectarase a ficción Conspiración no Cairo, do director sueco de orixe exipcia Tarik Saleh, unha longametraxe de ficción na que un estudante da universidade Al-Azhar de Exipto, centro de poder do Islam suní, acaba convertido nun peón das loitas de poder entre as elites relixiosas e políticas.

O día 29 será a quenda da película O sabio, de Basil Alkhatib, que revisa as feridas abertas pola guerra na sociedade siria a través da figura dun un vello médico que vive nunha desolada cidade da que a maioría de habitantes fuxiu.

O sábado 2 de marzo poderase ver a ficción O caftán azul, da directora marroquí Maryam Touzani. A cineasta enfronta, no filme, a homosexualidade en Marrocos, unha cuestión xuridicamente ilegal e aínda moi sensíbel nun país onde conviven modernidade e tradición.

A última sesión será na quinta feira, 7 de marzo, co documental Little Palestine, Diary of a Siege, do cineasta siriopalestino Abdallah Al-Khatib. O filme mostra a vida dos habitantes do distrito de Yarmouk, en Damasco, que acolleu o campo de refuxiados palestinos máis grande do mundo. Cando estalou a revolución siria, houbo intensos enfrontamentos entre o exército sirio e os rebeldes, xunto cos seus respectivos aliados palestinos.

Comentarios