Cinema Crianza: as máis pequenas gozan dunha xanela á gran pantalla

Arredor de 1.500 persoas asistiron ás sesións programadas nos catro días que durou o Festival que decorreu en Ames.

 

 

cinema crianza ames

Durante catro días a gran pantalla, os seus soños, segredos e historias, foi para as crianzas. Pasou en Ames e da man de Cinema Crianza 2018. Un proxecto que é á vez escaparate para novos cineastas de todo o mundo e xanela aberta que permite que o público infantil acceda a un cinema diferente e multicultural, con contido social e de calidade. Por volta de 1.500 persoas gozaron desta oferta durante os catro días.

O Premio á Mellor Curta na categoría Axóuxeres, filmes recomendados para menores de 5 anos, foi para a curtametraxe xaponesa ‘Good Night’, de Makiko Nanke, que tamén foi galardoada co Premio do Público; o Premio á mellor Curta na categoría Buxainas (para maiores de 7 anos), acadouno o filme indio ‘Rammat -Gammat’, de Ajitpal Singh. Pola súa banda, o Premio do Público nesta categoría foi para Fedhi, da exipcia Anne Abdalla.

As mencións especiais foron, en categoría Axóuxeres, para a chilena ‘Petit, quiero ser grande’, de Bernardita Ojeda. En categoría Buxainas, a mención foi para  iraní ‘A voz de Narge’, de Hadi Rhabar, pola súa capacidade para emocionar ao espectador, a través dun relato valente e metafórico, que derruba barreiras de xénero, culturais e relixiosas.

Na entrega de Premios, o xurado destacou “a calidade excepcional dos filmes nas dúas categorías e os valores dos que falan, tan positivos para a infanicia e a xuventude”. “Disfrutamos moito vendo as curtas e seguro que o público tamén ”, afirmou Miguel Mariño. A realizadora Sandra Sánchez, salientou que con este proxecto podemos gozar “dun cinema que doutro xeito non se vería en Galiza”.

Na cerimonia estiveron presentes a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a alcaldesa en funcións do Concello de Ames, Genma Otero; e o concelleiro de Cultura, David Santomil.

Comentarios