Centos acudiron aos Cantos de Taberna na segunda xornada da Foliada da Fonsagrada

Artesanía, música e baile fecharán este sábado a oitava edición da festa
Cantos de Taberna esta sexta feira na Fonsagrada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cantos de Taberna esta sexta feira na Fonsagrada. (Foto: Nós Diario)

A Foliada da Fonsagrada encara este sábado o seu terceiro día, tras enchérense esta sexta feira as rúas do concello con centos de persoas que non quixeron perder esta oitava edición do evento que cada ano organiza a Asociación Cultural Petando a Destempo en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Concello da Fonsagrada ou a Xunta da Galiza.

A xornada comezou cunha das actividades máis agardadas polo público máis fiel deste evento: os Cantos de Taberna, que percorreron os bares colaboradores enchendo as rúas da localidade de música e de baile. 

Os festexos retomáronse pola tarde, coa presentación do libro Berpiztu do músico vasco Kepa Junkera, referente da música de raíz de Euskadi, e cunha homenaxe a Isolita, Lucita, Lola e Oliva, entre outros e outras bailadoras da comarca da Fonsagrada. Pola noite, a "música dos nosos veciños" amenizou o feche de xornada, con actuacións de Polavilak, L-R e Omiri, un dos máis orixinais proxectos de reinvención da música tradicional portuguesa. 

"A oitava edición consolidou a Foliada da Fonsagrada como un evento referente non só para a xente que está involucrada no folclore, se non tamén para o público en xeral", afirma a Nós Diario Iria Castro Fernández, deputada de Cultura da Deputación de Lugo. 

"Xa non é unha festa só para os 'fieis' e cada ano vén máis xente", engade, coincidindo nesta valoración coa organización da festa que "decidiu cortar o tráfico rodado das rúas polas que discorrerían os Cantos de Taberna xa a primeira hora da mañá en anticipación". "O ambiente é moi festivo", conclúe.

Música e artesanía

A última xornada de celebración terá lugar este sábado e comezará ás 11 horas coa apertura da feira de artesanía, na que actuará Axeigo, ás 12 horas. Mentres, o Museo Etnográfico acollerá a presentación do libro Herminio Villaverde. A Trompa na Fonsagrada, e Birimbao de Cervexas Píntega. Volvendo á música, o Vermú Polavileiro dará comezo ás 12 horas coas actuacións de Alana e Caamaño&Ameixeiras. 

Pola tarde, quen queira iniciarse na arte do baile foliadeiro poderá aprender de Ismael Carcedo na carpa dos Concertos ás 17.30 horas, e ás 18 horas O Faiado Podcast emitirá un programa especial desde a Casa do Concello da Fonsagrada.

O ramo á oitava edición da Foliada da Fonsagrada porano Irmaus da Raia Seca, Tiruleque e Mondra, nun espectáculo que comezará ás 21.30 horas.

Comentarios