Os carteis do Estatuto, protagonistas do 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Unha entrevista a Alfonso Gómez e o estudo de arquitectura Sinaldaba tamén fan parte deste 'Sermos'.
Detalles do 'Sermos' desta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos' desta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez os protagonistas son os carteis do do referendo do Estatuto de Autonomía da Galiza.

Nunha reportaxe elaborada por Iria-Friné Rivera Vázquez, esta explica que “Os once carteis do Estatuto de 1936 constitúen unhas das maiores creacións de imaxes de Galicia. Mais alá do atractivo inmediato da súa accesibilidade, a súa dobre identidade -teñen un aspecto artístico, estético, e son representativos das liberdades e principios cívicos tanto galegos como universais- é o que os fai hoxe tan valiosos tanto para o público xeral como para os especializados”.

O alcalde de Xenebra

Continúa este número do Sermos cunha entrevista ao alcalde da cidade Suíza de Xenebra, Alfonso Gómez feita por Antón Escuredo.

“Alfonso Gómez Cruz, nado en 1960 na parroquia de Corme (Ponteceso, Bergantiños) é, desde o pasado mes de xuño, alcalde da cidade suíza de Xenebra. Neto dun mestre republicano que foi represaliado polo franquismo, criouse en Corme até os 14 anos, cando emigrou ao país helvético. De fortes ideas ecoloxistas, milita nos Verdes e defende a integración da emigración como a mellor forma de convivencia e progreso para a sociedade”, indica Escuredo.

Previamente, na páxina de apertura, a zoqueira Elena Ferro, ofrece unha reflexión titulada ‘Artesanía tradicional’.

Sinaldaba

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Iago Valverde e titúlase ‘Sinaldaba Contrapunto’.

Valverde explica que “A suma de elementos moi diferentes, en lugar de ruído, pode xerar harmonía. É preciso estudar atentamente os elementos que interveñen e buscar o xusto equilibrio entre as partes. Este recurso é habitual en arquitectura. O estudio coruñés Sinaldaba ten alcanzado resultados moi interesantes mesturando materiais e texturas moi distintos”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel López Foxo analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Lois Agrelo analiza o disco Levaino, de Xurxo Fernandes. Pola súa parte, Xurxo Souto escribe un artigo titulado ‘Conan (o bárbaro), Hollywood e o cancioneiro medieval’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Barbie. “Greta Gerwig non só fai algo decente, senón que concibe unha das mellores películas, ou senón a mellor, das máis efectivas, sobre o feminismo deste século”, indica Castro.

Ramsés Pérez ofrécenos un artigo na sección de Ir ás aves mentres que Carlos L. Bernárdez fai unha análise na sección de Arte.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios