O Carballo Interplay xa está aquí: olla todas as novidades da programación

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay iniciará esta quinta feira 4 de abril a súa undécima edición.
Mesa redonda na edición do Carballo Interplay de 2023 (Foto: Carballo Interplay).
photo_camera Mesa redonda na edición do Carballo Interplay de 2023 (Foto: Carballo Interplay).
  1. Inicio este 4 de abril
  2. Os podcast máis populares en directo
  3. Cinco estreas galegas nunha programación internacional
  4. Sección oficial
  5. O talento galego na apertura do festival
  6. Un espazo de debate e ideas para as profesionais do sector

Inicio este 4 de abril

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay iniciará esta quinta feira 4 de abril a súa undécima edición, que decorrerá até o domingo 7 de abril en Carballo, na comarca de Bergantiños. Como novidade, a localización das actividades e proxeccións será no Mercado da vila. Ademais, toda a programación é de balde.

O festival centrado no eido audiovisual e dixital repartirá até 6.000 euros en premios, desde a Sección Oficial de Webseries até o novo premio a Mellor Creador e Canle de Contido Audiovisual en Galego, para o que están seleccionadas 10 finalistas que presentarán os seus proxectos durante o festival.

Os podcast máis populares en directo

Podcast en directo, monólogos e seccións clásicas do festival como Código Fonte Audiovisual son algunhas das actividades coas que o evento trae á Galiza algunhas das voces do eido dixital máis coñecidas. A galega Carolina Iglesias volve a Carballo coa cómica Laura Márquez e chegan á Galiza os directos dos podcast Maldito Bollodrama e Pena y Pánico. Xavi Daura tamén presentará por primeira vez na comunidade o novo stand up XD. Todos os espectáculos serán de entrada libre até completar a capacidade.

Cinco estreas galegas nunha programación internacional

O CIP tamén acollerá a estrea de A moza que abortou e o contou, o proxecto gañador na pasada edición ao premio a Mellor Proxecto de Serie Web, cunha contía de 3.000 euros que permitiu a produción da serie. A protagonista da historia é Cora, unha moza que decide contar a súa familia que abortou, durante un encontro no Nadal, desatando debates e contradicións que a súa irmá pequena grava co teléfono. Dirixida por Eire Cid e Rosalía Quiroga proxectarase esta quinta feira 4 de abril ás 20 horas no Mercado de Carballo.

Sección oficial

Entre as web series internacionais da Sección Oficial do Carballo Interplay atópanse proxectos do Canadá, da Arxentina, da China, de Francia, da República Checa, de Colombia, de Corea, de Dinamarca, de Australia ou de Kazaxistán. Ademáis, cinco web series galegas presentaranse por primeira vez ao público: Nómades, dirixida por Marta Insua; Poscoito, de Héctor Rodríguez; Pulp Air, de Anita Pico e Rent-a-pal de Irene Pin. As proxeccións divídense en catro bloques en base á súa temática.

O talento galego na apertura do festival

Como parte da súa labor de apoiar e conectar os novos talentos da rede contará con shows en directo de programas como Exército Mekemeke, videopodcast nominado aos Premios Ondas do Podcast na categoría de Mellor podcast en lingua cooficial; o podcast de tertulia cultural Café Derby 21- no que participarán Pablo Meixide, Blondiemuser, Lidia Veiga, Rodri Míguez e Paula Jorge - e unha Videoregueifa entre dúas das creadoras de contido en redes máis populares do ecosistema galego, Sara Seco e Malva.

Un espazo de debate e ideas para as profesionais do sector

O Carballo Interplay segue a liña de actuar como altofalante das novas tendencias e formatos na rede dando voz ás protagonistas. Na xornada do sábado 6 de abril terán lugar tres mesas redondas para falar da "nova internet" co activismo e a política como temas centrais sobre os que falarán algunhas das voces máis recoñecidas do panorama estatal dixital como Alán Barroso, Ainhoa Marzol, Alba Lafarga ou as creadoras de contas como Policía del Afecto ou @afirmacion.es.

Na Zona Pro, un espazo de reflexión e xuntanza no que voces relevantes do mundo dixital e audiovisual conversarán sobre temas de actualidade e tendencias nestes eidos. Falarase do éxito da rexouba e a nostalxia na rede coas xornalistas Juan Sanguino, Raquel Piñeiro e Anxo F. Couceiro, do estado dos podcast e web series co investigador e director de Estación Podcast Nacho Gallego e co cineasta Joël Bassaget. O lanzamento de OTT nas televisións autonómicas CRTVG (da Galiza) e EITB (de Euskadi) será outro. Ademais, durante a tarde as asistentes poderán participar nun obradoiro de creación dixital da man de Pol Mallafré, de Mockudrames. As interesadas en asistir poden inscribirse de balde no formulario dispoñíbel na páxina web do festival.

Comentarios