'Exército Mekemeke', único aspirante galego aos Ondas do Podcast: consulta aquí todas as candidaturas

O programa presentado por Carlos Vieito aspira á categoría de Mellor Podcast en Lingua Cooficial do Estado.
A organización dos Ondas anunciou hoxe as candidaturas.
photo_camera A organización dos Ondas anunciou hoxe as candidaturas.

A organización dos Premios Ondas deu a coñecer esta cuarta feira as candidatas e candidatos aos galardóns que o certame, convocado anualmente pola Cadena SER, outorga aos mellores podcast do momento a través de diferentes categorías. E entre todos eles sobresae unicamente un producido na Galiza e coa lingua galega como protagonista.

Trátase de Exército Mekemeke, un programa presentado por Carlos Vieito, acompañado de Lidia Veiga e Miguel Abad, e producido por Sapo Vermello que toma o seu nome da popular serie de televisión Shin Chan. Este é un dos cinco podcast que aspiran ao premio ao Mellor en Lingua Cooficial do Estado, canda Extrema Catalunya, de TV3; Artxipelagoa, de EITB; Gent normal, de TV3, e Campeón!, de IB3. Catro programas producidos polos medios públicos de Catalunya, Euskadi e Balears e só un, Exército Mekemeke, que non é obra da súa corporación nacional, a CRTVG, que non aspira a ningún dos premios.

Outras candidaturas por categoría

Na categoría de Produción as candidatas son Hundido, Modo nocheEl Guerrillero, El País de los Demonios e Escándalo Mexicano. En Guión, pola súa parte, aspiran ao título ¿Quién mató a Anna Cook?, El Guerrillero, Escándalo mexicano e ¿Por qué matamos?.

Entre os candidatos a Mellor Podcast Conversacional están Nadie sabe nada, ¿Quieres ser mi amigo?, Meterse al rancho, Saldremos mejores e Huevos revueltos con política, mentres no apartado de Mellor Deseño Sonoro están Nido de avispas, Corderos, La Fucking Condición Humana, Spectrum e La Esfera.

En Mellor Podcast experimental están presentes El podcast de Amazondas, Spectrum, La depresión Momposina, Ecos e Recursos Humanos, e en Mellor Episodio salientan Inshallah, un viaje a Palestina en Líbano, Historias de golpe, Aló Miami: desmitificando EE.UU., 10 mujeres e Familia de libro.

Como Mellor Narrativo son candidatos ¿Quién mató a Ana Cook?, La cárcel no da risa, Ferrándiz, Intoxicado e El enemigo: el crimen de la viuda de la CAM. Por último, aspiran a ser Mellor Actor ou Actriz Nikki García, de Titania; Martha Higuereda, de Cassettes; Elisa Zulueta, de Corderos; Víctor Clavijo, de Recursos Humanos, e Marta Nieto, de La esfera.

Comentarios