Están en auxe os podcast en galego?

‘O Exército Mekemeke’, ‘O Faiado’, ‘Café Derby 21’, ‘ Conversas da Lobeira’, ‘ Recuncho Gamer’, ‘Os Reis e as Raíñas da Galiza’ ou  ‘Contacontos en galego’ ,algúns exemplos do aumento do formato podcast na Galiza

EuropaPress_5473316_estudio_grabacion_podcast
photo_camera (Foto: UNSPLASH / CC / WILL FRANCIS)

Os podcast están a ser un dos formatos máis escollidos entre a mocidade, tanto na súa produción como entre as escoitas. Un auxe que podemos confirmas co recoñecemento dos podcast galegos nos III Premios Ondas Globales do Podcast, nos cales ‘O Exército Mekemeke aspira a Mellor Podcast en lingua cooficial do Estado.

O nacemento dos podcast en galego

Parece que os podcast son algo moi actual; porén, na Galiza comezaron a xurdir xa no ano 2005 da man de Mariano Grueiro. O seu proxecto ‘Plan Galicia é considerado a primeira experiencia do podcasting na nosa lingua, a pesar de que só tivo unha emisión, o 1 de xullo de 2005. A raíz deste, no mesmo ano, comezaron a aparecer continuadamente proxectos do mesmo formato, como ‘Casatlántica, producido a partir de decembro de 2005. As poetas Maria Lado e Lucía Aldao construían poemas sonoros e virtual facendo que a literatura chegase a un formato acústico que por aquel momento aínda era moi recente e descoñecido. Os temas de actualidade e políticos tamén foron empregados rapidamente nos podcast cun exemplo claro, ‘Ouveos na noite’. Nel Xermán Viluba facía un repaso da actualidade da Galiza e mundial, desde unha visión de resistencia contra o sistema. 

Sen dúbida, o nacemento de Podgalego en 2006 supuxo un antes e un despois na difusión dos podcast en galego. Foron quen de crear un espazo de comunidade, co fin de espallar esta nova tecnoloxía que estaba a xurdir. A día de hoxe, a súa plataforma recolle boa parte dos podcast galegos e nela tamén se ofrecen recursos destinados a ser unha axuda para toda a xente que queira comezar a producir podcast en galego.

O auxe dos podcast na actualidade

O Exército Mekemeke’, presentado polo divulgador Carlos Vieito, acompañado por Miguel Abad e pola actriz Lidia Veiga, e producido por Sapo Vermello; toma o seu nome da popular serie de televisión Shin Chan, posto que a idea principal destes tres rapaces era facer un podcast dirixido á xeración que, como eles, medrou co Xabarín Club, mais sen dúbida as súas conversas humorísticas están a chegar a ouvintes de todas as idades.A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, a cantante Pili Pampín ou a banda De Ninghures foron algúns dos invitados que decidiron, nos últimos tempos, unirse ao grande éxito do ‘Exército Mekemeke’.

Outro do podcast galego de moda é ‘O Faiado’, que naceu na Facultade de Xornalismo da USC da man de oito mozas que decidiron aproveitar as súas instalacións para crear un proxecto destinado á xente moza, pondo no cento das súas conversas a cultura pop e galega. Os seus convidados móstrannos a gran relevancia que están a ter estas mozas, podendo escoitar nos seus episodios a The Rapants, Grande Amore, Rodri Míguez, Lidia Veiga ou a Mondra e Caamaño & Ameixeiras na Foliada da Fonsagrada. Recentemente recibiron o premio Youtubeiras Revelación, no que o xurado puxo en valor a capacidade destas rapazas de chegar ás xeracións máis novas.

Dun estilo e contido similar temos ‘Café Derby 21’, no que Nicolás Carreira, Carme Domínguez e Adrián Lede tratan de continuar as conversas culturais que se producían na antiga cafetaría Café Derby de Santiago de Compostela. Xunto a un invitado ou invitada, cada semana, propóñennos unha sobremesa onde a cultura é o foco fundamental da conversa, mais nela todos os temas son tratados. Recentemente contaron coa presenza da escritora Berta Dávila, da poeta Yolanda Castaño, da futbolista Vero Boquete ou a  cineasta Jaione Camborda, entre outras moitas.

Nas ‘Conversas da Lobeira’ atopamos entrevistas que reflicten un faladoiro con amizades e persoeiros que nos deixan coñecer a persoa e as súas inquedanzas. Este proxecto nace, en boa parte, do gusto de falar e contar anécdotas de Fran Lobeira. Entre as súas conversas encontramos a actriz Isabel Risco, o pintor Leandro Lamas, o artista Quique Peón, o actor Miguel de Lira ou o ensaísta Carlos Callón.

Outro dos recoñecidos co Premio Youtubeiras foi Iago Gordillo, de ‘Recuncho Gamer’, o cal lle dá unha gran visibilidade aos videoxogos, especialmente aos grandes clásicos. Os seus podcast emítense en vídeo cada dúas sextas-feiras ás 20 horas e nel, xunto con colaboradores, comenta a actualidade ao mesmo tempo que revive os xogos e franquías.

Son moitos os podcast en galego que nos axudan a coñecer a nosa historia e o noso pasado, esa é unha das finalidades de ‘Os Reis e as Raíñas da Galiza’, de Sermos Galiza, con 34 capítulos onde coñecer mellor estas personaxes históricas galegas. De temática similar son as conversas de Orgullo Galego, despois de crear a comunidade de lingua galega máis grande de internet, decidiron trasladar os seus faladoiros sobre o Reino da Galiza e sobre o entroido a formato podcast.

Os podcast chegan a todas as idades, até as crianzas. ‘Contacontos en galego’ nace da experiencia dunha nai, coa finalidade de criar as súas fillas coa accesibilidade a contos e materiais educativos e de lecer en galego.

Podcast recomendados

  1. O fundador dun reino: Hemerico. - Os Reis e as Raíñas da Galiza.
  2. García I e Afonso VI: Un reino entre irmáns. - Os Reis e as Raíñas da Galiza.
  3. Somos xabaxeración. - Exército Mekemeke.
  4. De quen ves sendo? - Exército Mekemeke.
  5. De beber LK  a perrear muiñeiras na FOLIADA DA FONSAGRADA. - O Faiado.
  6. PASAR O TEMPO con Berta Dávila. - Café Derby 21.
  7. Conversas con FEDERICO PÉREZ REY. - As Conversas na Lobeira.
  8. Xéneros e outros termos de vídeoxogos en galego. - Recuncho Gamer. 
  9. Sen Ourense NON HAI PAÍS. Conversamos con Noa, Noemí e Antía. - Orgullo Galego
  10. Pedra, pau e palla. -  Contacontos.

Comentarios