Carballo acolle a preestrea de 'Sica', de Carla Subirana

O filme, dirixido por Carla Subirana e rodado na Costa da Morte, chega ás salas de todo o Estado en versión orixinal galega o día 19.
Nuria Prims e Thais García en 'Sica'.  (Foto: Mario Llorca)
photo_camera Sica_2_MarioLlorca©

Sica, a coprodución galego-catalá dirixida por Carla Subirana e rodada na Costa da Morte, celebrará en Carballo a súa preestrea oficial, xusto antes da súa estrea comercial en salas. A cita é o 18 de maio ás 20 horas nos Multicines Bergantiños, e asistirá a directora e o equipo artístico, xunto con boa parte do equipo técnico e ducias de figurantes e colaboradores da comarca que participaron na rodaxe da película. 

Será o momento no que Sica se reencontre co territorio onde se rodou, logo de pasar con éxito pola Berlinale e o Festival de Málaga.  O filme chega o 19 de maio en versión orixinal galega a cinemas de todo o Estado. Ese mesmo día o Festival de Cans, no Porriño, acollerá unha proxección especial da película, tamén coa presenza da directora e do elenco principal.

 

Debut na ficción de Carla Subirana 

Sica supón o debut na ficción da directora barcelonesa Carla Subirana (Nadar, Kanimambo, Volar) e rodouse integramente na Costa da Morte e en galego, en convivencia coa lingua catalá. O filme, protagonizado polos actores debutantes, adolescentes da zona, Thais García Blanco, Marco Antonio Florido e María Villaverde, xunto a actriz catalá Núria Prims, conta a busca que leva a cabo unha rapaza de 14 anos, obsesionada con que o mar devolva o corpo do seu pai tras un naufraxio. 

O filme rodouse na Costa da Morte, onde, segundo conta Subirana, "as correntes mariñas son mortais. Hai documentados máis de 600 naufraxios nesta zona, o que a convirte nunha das costas máis perigosas do mundo. A furia do mar fai dela unha sepultura xigante e, segundo contan as lendas, as almas dos mariñeiros poden oírse polas fendas da terra. Sica busca obsesivamente a voz do seu pai nun gran buraco ao pé do mar, a Furna das Grallas". 

En palabras da directora: “A Natureza é outra protagonista en Sica. O vento, o mar, as ondas… manifestan o seu propio estado de ánimo, co temperamento único que ten o océano nesta costa. As personaxes amósanse pequenas e temerosas ante a chegada do furacán Ofelia. Como di Suso o Cazatormentas, Ofelia é a nai de todas as tormentas, pero só nos está avisando: despois dela virán máis, e distintas ás de antes. Sica é un berro de auxilio ante a crise climática.” 

Comentarios