Burela celebrará o II Día da Literatura Caboverdiana cunha lectura colectiva

Modelo Burela organiza unha lectura continuada da obra Siríaco e Mr. Charles, do autor caboverdiano Joaquim Arena
O escritor caboverdiano Joaquim Arena
photo_camera O escritor caboverdiano Joaquim Arena

A iniciativa educativa Modelo Burela, que se mantén en funcionamento continuado desde o ano 2003, celebra o II Día da Literatura Caboverdiana no concello da Mariña para continuar a pór o foco de atención na presenza da comunidade caboverdiana nesta localidade pesqueira do Cantábrico galego.

O próximo 11 de xuño, no Instituto Perdouro, organiza unha lectura continuada da obra Siríaco e Mr. Charles, do autor caboverdiano Joaquim Arena, publicada en 2022. A obra escolida relata uma improbábel amizade que decorre na illa de Santiago, en Cabo Verde, entre o mozo Charles Darwin e Siríaco, un vello negro, exescravo, que sofre de vitilixe, unha doenza autoinmune na que se dá unha perda da pigmentación da pel.

Desde as 10 horas da mañá, o momento da inauguración, a lectura estará en marcha durante oito horas e finalizará ás 18 horas coa clausura do encontro.

Desde o comezo ao fin da xornada o protagonismo estará centrado na poboación escolar, mais tamén nos membros das súas familias, nos referentes culturais así como no profesorado e persoal docente.

Segundo Vanesa Vila Verde, portavoz de Modelo Burela,"após o sucesso do encontro organizado no ano passado, consideramos que este tipo de encontros deve ter continuidade, pois constituem uma ferramenta necessária para a aproximação entre culturas".

Como a participación presencial non é posíbel en moitos casos, a organización do encontro abriu a posibilidade da participación “online”, conectando por videoconferencia ou enviando un vídeo gravado. Así, Burela estará en comunicación directa co Atlántico africano e con diferentes puntos da península Ibérica.

Comentarios