BNG resalta que Francisco Carballo estará na “memoria de Galiza, sempre”

O Consello Nacional do BNG aprobou este sábado unha proposta de resolución en recoñecimento do inestimábel contributo de Carballo á construción dunha Galiza livre.

carballo 1977
photo_camera Foto do arquivo de Xoán Carballa

O BNG emitiu un comunicado de imprensa para expresar a súa dor pola perda dun “grande intelectual e pensador”. Coa súa morte o BNG perde tamén “un dos seus militantes máis veteranos e máis xenerosos para con este proxecto político”.

Pon en destaque o BNG que Carballo, “coherente sempre co seu pensamento”, axudou a formación frentista desde os seus inicios, “pondo o seu grao de area para afortalar esta organización e para facela máis eficaz, politica e socialmente”.

En catro listas eleitorais

Carballo integrou as listas eleitorais primeiro do BNPG e logo do BNG até en 4 ocasións. A primeira foi nas primeiras eleccións após a morte do ditador, en 1977, ao Congreso. Voltou a ser candidato nas xerais do 79 e do 82. Foi tamén candidato ao Parlamento galego, nas galegas de 1981, na terceira praza da lista por Pontevedra.

Alén diso, Carballo fixo parte do primeiro Consello Nacional do BNG após a súa fundación, en 1982. Estivo no máximo órgao do Bloque entre asembleas até 1987.

Dor da MNL e de Galiza Cultura

A consternación e a tristeza foron as notas dominantes na reacción do nacionalismo galego perante o pasamento de Francisco Carballo. Nese sentido, a Mesa pola Normalización Lingüística e Galiza Cultura transmitiron a Sermos Galiza a súa dor pola desaparición física de quen foi un referente incontornábel da cultura galega desde hai no mínimo catro décadas.

Comentarios