'Bernarda', de Malasombra, triunfadora dos María Casares con catro galardóns

As sete candidaturas de 'Liberto' ficaron só con dous premios, os mesmos que levou 'O meu mundo non é deste reino'. Mónica García, vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices da Galiza criticou a falta de compromiso da Xunta co sector na crise provocada pola pandemia.
A actriz Esther Aja recolle o premio por Jose Prieto, autor do texto e director de 'Bernarda' [LaDiapo / AAAG].
photo_camera A actriz Esther Aja recolle o premio por Jose Prieto, autor do texto e director de 'Bernarda' [LaDiapo / AAAG].

Os XXIV Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras. A tradicional gala tivera que ser cancelada por mor da pandemia e foi finalmente substituída por unha entrega a través da rede, retransmitida onte ás 20 horas. Mañá, Nós Diario debullará as chaves dun evento anómalo no que se encarnan as dificultades que atravesa o sector.

Dos 16 espectáculos que aspiraban este ano ás 14 categorías, dez foron os escollidos pola organización, a cargo da Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), co apoio da Xunta, a Deputación da Coruña e a Fundación AISGE.

Bernarda (Malasombra) acaparou o maior número de galardóns, ao triunfar nas categorías de espectáculo, actriz secundaria (Celia González), texto orixinal e dirección, ambos os dous para Jose Prieto.

Este último partilla o recoñecemento ex aquo con María Peinado, directora de O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia), quen tamén levou o galardón á adaptación-tradución.

Así, esta obra fíxose con dous premios, os mesmos que Liberto (Rebordelos), que gañou nos apartados de actriz protagonista, para Rocío González, e música orixinal, de Lucía Aldao. Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos (Avento) conseguiu o premio á representación infantil.

Pola súa banda, Idiota (Redrum Teatro) acadou o galardón ao mellor actor protagonista para Machi Salgado, mentres o de secundario foi para Josito Porto polo seu papel en MedidaxMedida (Producións Excénctricas e Festival Internacional Outono de Teatro).

Neorretranca e posmorriña (Centro Dramático Galego) alzouse co de escenografía, que levou Marta Pazos e O empapelado amarelo (A Quinta do Cuadrante) o de iluminación, a cargo de Laura Iturralde.

Despois das ondas (ButacaZero) conseguiu o María Casares de vestiario polo traballo de Carlos Pinilla e Vida de Cans (Talía Teatro) obtivo o de maquillaxe para Martina Cambeiro.

Cuestionar os alicerces da normalidade

A vicepresidenta da AAAG, Mónica García, encargouse de ler o habitual discurso, no que deitou algunhas reflexións sobre a actual situación: "Hoxe por hoxe, neste aquí e neste agora, estrañamos o que xa non temos: esa normalidade que sempre foi medio e obxecto para nós, as xentes do teatro, para cuestionarnos todo desde a escena".

"Estrañamos o que xa non temos: esa normalidade que sempre foi medio e obxecto para nós, as xentes do teatro, para cuestionarnos todo desde a escena", dixo Mónica García

Así, destacou que esa continúa a ser "a nosa vocación" e tamén "labor": "Xogar coas fronteiras, forzar os límites, transgredir coas concepcións, revisar os alicerces de todo aquilo que se nos di que é normal".

Nas mudanzas, incluíu a do "significado das localidades baleiras [...], a capacidade dos recintos ou a apertura de portas", así como as relacións sobre as táboas e co público. Con todo, García insistiu na necesidade de "facer da cultura unha actividade segura para o público", algo que debe incluír tamén as traballadoras.

Nese senso, a vicepresidenta denunciou a resposta da Administración galega ante a actual crise sanitaria, que as deixou "á intemperie" e "empurrounos ao baleiro sen máis rede que un Plan de reactivación que tachamos de insuficiente, de deficitario e mesmo de imprudente". Co foco na distribución, non se previu a aparición de surtos e as múltiplas cancelacións que está a vivir o sector, coas artes vivas como unha das principais afectadas.

Flor Maceiras reivindica o teatro como "dereito da cidadanía"

A actriz, directora e docente Flor Maceiras recibiu o Premio de Honra Marisa Soto, agradecendo o recoñecemento outorgado. Aproveitou ademais a ocasión para sinalar que "o teatro é un dereito da cidadanía, non un privilexio da xente que o facemos".

"Para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha Administración pública -local, galega, estatal- que se debe implicar no investimento", dixo Flor Maceiras

Unha reivindicación coa que fixo fincapé na responsabilidade das institucións: "Para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha Administración pública -local, galega, estatal- que se debe implicar no investimento”.

Maceiras quixo lembrar igualmente unha parte fundamental da estrutura teatral: a formación. "Este é un premio non tanto a min e si máis á xente que sempre estivo empeñada na formación teatral na Galiza", concluía a mestra. 

Comentarios