Cultura

A Xunta prioriza a promoción do turismo fronte a cultura

A Xunta xa fixo público o seu Plan de Reactivación da Cultura e o Turismo. Se ben o texto pode consultarse, parece probábel que aínda se modifiquen certos aspectos após a súa presentación oficial con axentes sectoriais que terá lugar mañá. 
Actuación no festival Corpo (a) Terra.
photo_camera Actuación no festival Corpo (a) Terra.

Moitos colectivos sectoriais atópanse analizando con lupa o Plan de Reactivación da Cultura e o Turismo, un texto que non consegue disimular o protagonismo do segundo dos eidos. Así, por exemplo, a análise de oportunidades, seguindo o modelo DAFO, do contexto actual só atende ese sector, colocando como prioridades o turismo non masificado, o Camiño de Santiago e o Xacobeo.

O anuncio do plan, o pasado 1 de maio, produciuse tan só uns días despois de que a maior parte das asociacións profesionais do tecido cultural galego denunciasen a ausencia de resposta da Xunta ante a pandemia. O documento perfila medidas para a cultura cun orzamento de máis de 10 millóns de euros, mais que por veces non fica claro se responden a novas propostas ou a axudas xa existentes.

O libro

Para o libro destinaríanse 670.000 euros, que asegurarían o apoio ás editoras –mais sen concretar de que maneira– e un programa de actividades nas librarías, así como a recuperación das feiras do libro e o incremento de axudas á tradución. Semella que se vai atender a petición unánime do sector por dotar de fondos a bibliotecas e arquivos –non se sabe se no 50% solicitado– e que sexan mercados a través das librarías de proximidade, se ben quedan fóra outras medidas reclamadas, como o "bono libro familiar". Doutra banda, as demandas das profesionais da narración oral, cunha forte dependencia da programación de escolas e bibliotecas, non aparecen citadas de maneira específica en ningún lugar.

Audiovisual

As medidas para o audiovisual contemplan segundo a Xunta 3.741.918 euros, cantidade na que, como en moitos dos casos, semella que se inclúen partidas orzamentarias que xa viñan funcionando con normalidade. Con todo, abstivéronse de facer alusión ás subvencións á produción do contido galego, cando o propio Sutil declaraba que Galiza fora a primeira en publicalas, algo que coincide máis co calendario habitual do trámite –que noutros territorios se fai en xuño ou xullo– que cun impulso fronte á COVID-19. Porén, o documento si recolle a modificación de convocatorias para permitir a recepción de anticipos, co gallo de facilitar a liquidez –demanda do sector–, ou no caso das de talento, aínda sen resolver, aumentar o número de guións e curtametraxes. Igualmente, faise mención á publicación das axudas de asistencia a foros e mercados audiovisuais, que se veñen convocando normalmente en marzo. A isto súmase un "apoio á fase previa de desenvolvemento" de proxectos -de novo, sen concretar como- e un fondo de coprodución internacional minoritaria.

O documento ignora o acordo ao que chegara Proxecto con Jacobo Sutil para un plan de apoio específico "dotado con 100.000 euros, que se achegarían a través do programa Xacobeo 2021"

Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, xa se manifestou "defraudada" cun plan de 74 páxinas no que "só hai dúas liñas" que os teñan en conta, recollendo a flexibilización de axudas, a ampliación de datas ou a posibilidade de celebración en liña. Ignórase así o acordo ao que chegaran en reunións con Jacobo Sutil, Director da Axencia Galega das Industrias Culturais, para un plan de apoio específico "dotado con 100.000 euros, que se achegarían a través do programa Xacobeo 2021".

Escénicas sen danza

Para as artes escénicas compútase un orzamento de 1.815.382 euros, no que se inclúen medidas de adaptación de distintas subvencións, así como a flexibilización da normativa da Rede Galega de Teatros e Auditorios para reprogramar no segundo semestre as funcións canceladas. Doutra banda, faise mención ao impulso dos premios de dramaturxia, sen especificar as condicións ou que premios se van apoiar, e á reprogramación da actividade do Centro Dramático Galego (con tres espectáculos para 2021) e do Salón Teatro (con novos proxectos a través de acordos con outras entidades). Para isto último destinaríanse 440.000 euros, mais non fica claro se son a maiores dos 350.000 xa previstos ou se se atopan integrados neles, co que aínda quedarían por baixo dos 600.000 euros de 2019. Unha indefinición coas cifras que se estenden por todo o documento.

Se algo brilla pola súa ausencia é a danza, sen ningunha medida específica e apenas mencionada de pasada

Mais se algo brilla pola súa ausencia é a danza, sen ningunha medida específica e apenas mencionada de pasada, seguindo a liña de abandono administrativo que acusa o sector, cun claro exemplo no desleixo cara ao Centro Coreográfico Galego. As salas de espectáculos privadas tampouco se atopan reflectidas no texto.

Música xacobea

Para o sector da música proponse adaptar as bases de dúas liñas de axudas: á distribución e á produción fonográfica. Porén, o máis representativo deste eido asóciase co Xacobeo, con ciclos de concertos como o propio Xacobeo 2021 ou o programa Galicia Emerxe X21. Existe a previsión de que parte da programación se desenvolva virtualmente, mais de pago, tamén no caso de Fest Galicia, cun "sistema coordinado de festivais en liña". Inclúese por último un millón de euros para financiar proxectos de cara ao Xacobeo 2021.

Artes plásticas

No que atinxe ás medidas enfocadas ás artes plásticas, con 365.000 euros, tan só a promoción de axudas para artistas menores de 35 anos resulta novidosa. A celebración dun Encontro de Artistas Novos trataríase en realidade da décima edición do evento, que se celebrou o ano pasado en agosto na Cidade da Cultura, mentres as axudas para asistencia a feiras internacionais xa existen, convocadas cara a finais de ano, a non ser que se baralle un adianto, cousa que tampouco se dá a entender abertamente. Malia falar de "apoio ás actividades da Asociación Contemporánea de Galerías de Arte de Galicia", tampouco se concreta como se materializará.

O Xacobeo, no foco

De forma máis transversal, apúntase unha campaña de fomento do consumo cultural, na que tampouco se mencionan medidas concretas máis alá da vontade de concienciar a poboación da importancia económica e social do sector. Doutra banda, o plan recolle accións de formación, entre as que destaca un convenio coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural para implementar recursos de "transformación dixital do tecido cultural".

O plan conclúe co Xacobeo como grande oportunidade do sector turístico e cultural, para o que anuncia, por exemplo, a creación dun fondo de 1.500.000 euros para proxectos culturais de todos os eidos, adquisición pública de obras de arte galegas por 200.000 euros ou un programa de apoio ao sector escénico con 500.000 euros. O asociacionismo cultural de base, que soporta en boa medida outras manifestacións culturais fundamentais para o patrimonio inmaterial como a música e o baile tradicionais –que están a xuntar forzas para dar forma ás súas demandas–, non ten cabida nun plan que semella atender en exclusiva a visión industrial.

Outro plan para Compostela

O Bloque Nacionalista de Santiago vén de presentar unha proposta de Plan de revitalización do sector cultural para a cidade, que pretende adaptar a programación a pequenos formatos, especialmente nos meses de xullo, agosto e setembro. Segundo expresou a portavoz do BNG de Compostela, Goretti Sanmartín, o Concello estaría en condicións de dedicar a isto até 1,5 millóns de euros. As súas propostas pasan por reaxendar actividades e o pagamento anticipado de gastos e contratos, así como pola colaboración entre Administracións, evitando solapamentos e atendendo ao carácter transversal entre distintos departamentos, para que o cultural actúe como motor de dinamización.

Ademais, considera fundamental convocar axudas ao sector, con atención tamén ao tecido asociativo sen ánimo de lucro. Un bono familiar de libros e un bono cultural, actividades de fomento da lectura ou potenciar a narración oral son outras das propostas que recolle o plan. Sanmartín referiuse á difusión de legados artísticos e efemérides vencelladas a Compostela como oportunidade para crear roteiros relacionados coa obra de diferentes autoras. O BNG tamén chama a redefinir o Xacobeo e convertelo nunha ferramenta de reactivación da cultura galega.

Comentarios