Melania Cruz: "No Reino Unido ves nenos de catro anos papándose un Shakespeare"

Melania Cruz recibe nesta edición do Festival Internacional de Curtamentraxes de Bueu, que arrincou onte, o Premio Cinema Galego. O recoñecemento a unha traxectoria na que a lucense que conta dous Mestre Mateo (Dhogs e Trote) e un María Casares (Xardín Suspenso) agocha unha persoa inconformista e crítica, namorada da súa profesión, que se dedicou á docencia e coloca a educación como chave para mudar realidades e avanzar en loitas tan abertas, constantes e complexas como a dos feminismos, na que unha das batallas máis difíciles é xustamente combater o aprendido.

smg1209melaniaCruz
Sermos Galiza, Melania Cruz
photo_camera Melania Cruz protagoniza a entrevista desta semana. (Foto: Nós Diario)

Comezou de cativa a facer teatro, mais en que momento decidiu que se quería dedicar profesionalmente á interpretación?

Debeu de ser cando tiña 19 ou 20 anos, ao entrar na aula universitaria de teatro. Na adolescencia xa me preguntaban se quería dedicarme a iso, pero eu estaba coa cabeza en ser tradutora ou profesora. Logo no Campus de Lugo comecei a pensalo e a formarme con distintos profesionais que viñan facer cursos preto. Ademais, eu fixen maxisterio por inglés e dei clase durante bastante tempo, por exemplo no colexio de Fingoi de Lugo. Ao ser privado, o centro pode dedicar unha porcentaxe do programa a materiais troncais da súa elección e teñen expresión dramática integrada no currículo. Iso era unha marabilla.

Iso é unha anomalía, non? Normalmente as artes dramáticas nunca entran no programa.

Non, en absoluto. De feito, houbera unha proposta de pór en marcha coa LOXSE unha integración de expresión dramática no currículo, igual que outras materias como música ou matemáticas. Hai sobrados estudos que certifican os beneficios que poden provocar este tipo de actividades no desenvolvemento da capacidade comunicativa ou no autocoñecemento psicofísico, por exemplo. Pero claro, cando non interesa...

Noutros países si que está moi asentado. En Reino Unido ves nenos de catro anos papándose un Shakespeare de tres horas e media, porque recitan desde pequenos. A Royal Shakespeare Company ten unha serie de actividades moi enfocadas a traballar cos distintos centros educativos, en distintas etapas, polo que coñecen a súa literatura dramática desde moi pequenos. Non é raro que poidan facer unha escenificación de calquera autora ou autor británico, porque lle dan moita importancia. Aí as estruturas están todas enfocadas a iso: teñen o National Theatre, promoven moito o traballo das dramaturgas e dramaturgos... As institucións están a favor destas cuestións porque teñen moi claro que o patrimonio cultural é fundamental na conformación da súa identidade. Cousa que aquí, por desgraza, non pasa e temos que estar continuamente nesa loita de explicar que o cultural non se pode medir en termos cuantitativos, senón cualitativos. Pero aquí á xente gústalle moito falar de números.

Cando rematou os estudos de arte dramática, fundou ilMaquinario Teatro con varias compañeiras. Que significou ese paso?

Foi unha experiencia moi positiva. Eu entrei na ESAD [Escola Superior de Arte Dramática] coa idea xa de formar compañía con Tito Asorey, que ía polo itinerario de dirección. No camiño fomos atopando compañeiras de viaxe coas que finalmente fundamos ilMaquinario. Había moita ilusión, moitas ganas de experimentar cun tipo de teatro que nos interesase a nós, sobre todo por xogar con outros formatos, outro tipo de dramaturxias, outras maneiras de facer. Comezamos con moitas ganas e ilusión, puxemos todos os esforzos para sacar o proxecto adiante e durou cinco anos, así que non estivo nada mal.

Hai pouco, na ESAD houbo bastantes protestas por parte das alumnas denunciando situacións de acoso e abuso de poder por parte do profesorado, unha problemática que viña de longo...

É unha situación que eu coñezo de primeira man porque entreguei varios escritos ao rexistro de inspección educativa e ao propio centro, por suposto, notificando un tipo de actitudes e comportamentos que se correspondían pouco coa responsabilidade docente. Non me sorprendeu cando as alumnas se puxeron en contacto connosco e o que fixemos foi intentar apoiar ao máximo a súa causa, que agora está en proceso xudicial. Esperemos que se aclare axiña e que se tomen as medidas pertinentes. Porque cando iso, ano tras ano, é unha tónica que se repite, é porque pasa algo. Aí tamén está a valentía das alumnas que se atreveron a facer o que nós non fixemos, aínda que si houbese caceroladas ou algún parón. Pero non sei por que non tivemos o atrevemento, a forza ou non chegamos ao acordo de dar a ver que iso non era permisíbel nunha contorna educativa. Eu aplaudo a todas esas estudantes e tamén me alegro moito porque o profesorado se posicionase.

Está claro que se nos abriu moito a cabeza nos últimos anos a este nivel. Revisando todo isto, dáste conta de que ti normalizabas condutas que non eran aceptábeis, porque estamos educadas desta maneira na que che fan crer que iso é o habitual ou debe ser así, simplemente porque levamos esta tradición de que as cousas se fagan desde o punto de vista heteropatriarcal, e que che digan un piropo ten que ser agradábel. Todo iso que hoxe parece tan básico, cando estabamos estudando, e mira que non pasou tanto tempo, non o era. Comezáronse a mover cousas cara a lugares que nos fixeron ver cales son realmente as prioridades que debemos ter e por onde debemos tirar para que a igualdade se faga efectiva. Porque os meus compañeiros tamén sufriron abusos de poder, por parte de determinadas persoas que foron acusadas de acoso, pero o trato era moi diferente.

Ademais da entrevista a Melania Cruz, da que publicamos un extracto, no Sermos deste sábado paseamos polas sombreirarías da Galiza e probamos a cosmética natural feita no país. Coa sección Andar e Ver poderás facer plans para recorrer a "Ruta do ferrocarril. De San Tirso de Abres á Pontenova", unha peza viaxeira que asinan conxuntamente Adela Leiro, Mon Daporte e Xan Colazo, do Colectivo Xea.

Como sucede cada sábado, nas páxinas do semanario atoparás as mellores recomendacións de libros, música, cinema, teatro e cociña da man de expertos como Manuel Regueira, Inma Otero Varela, Mauro Borrazás, Alejo Amoedo, Andrés Castro, Mercedes Espiño e Anxo Ril. No tempo de lecer poderás completar a sección de Pasatempos.

Recorda que podes ler todos estes contidos no semanario Sermos Galiza que acompaña este sábado a Nós Diario. Podes atopalo nos quiosques ou para a súa lectura na nube. Se aínda non es subscritora ou suscritor podes inscribirte nesta ligazón.

Comentarios