Os XXIV Premios de Teatro María Casares entregaranse por Youtube

A vindeira segunda feira 9 de novembro entre as 20 e as 21 horas coa publicación de vídeos de entrega nas catorce categorías a través da canle nesa rede social da Asociación de Actrices e Actores da Galiza (AAAG). ​
Cartaz desta edición
photo_camera Cartaz desta edición dos galardóns. (Foto: Nós Diario)

A tradicional gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano acollerían a súa XXIV edición, substituirase por unha entrega audiovisual diferente e insólita. O evento, previsto para o día 26 de marzo, suspendeuse polas "cambiantes e difíciles circunstancias sanitarias", como explican desde a Xunta Directiva da Asociación de Actrices e Actores da Galiza (AAAG).

As gañadoras e gañadores deste ano daranse a coñecer a vindeira segunda feira 9 de novembro entre as 20 e as 21 horas coa publicación de vídeos de entrega nas catorce categorías a través da canle dos Premios en Youtube e das redes sociais da AAAG. 

Finalistas desta edición

Un total de 16 espectáculos son finalistas para facerse con algún dos galardóns. A obra Liberto, de Rebordelos, logrou un total de 7 finalistas (espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actriz secundaria iluminación e música orixinal).

Polo seu lado, a montaxe Bernarda, de Malasombra Producións, ten 5 finalistas (espectáculo, dirección, texto orixinal, actriz protagonista e actriz secundaria). Fariña, de Ainé Producións, Undodez e Oqueteño Media, reúne tamén 5 finalistas (espectáculo, actor protagonista, música orixinal, iluminación e escenografía). 

Con 3 finalistas están O empapelado amarelo, da compañía A quinta do Cuadrante (dirección, iluminación e adaptación / tradución); Despois das Ondas, de ButacaZero (texto orixinal, maquillaxe e vestiario); Hemos venido a darlo todo, de Voadora (maquillaxe, vestiario e música orixinal); Vida de Cans, de Talía Teatro (texto orixinal, escenografía e maquillaxe); MedidaxMedida, de Producións Teatrais Excéntricas (os tres finalistas de actor secundario), e Neorretranca e Posmorriña, do CDG (vestiario, escenografía e actriz secundaria). 

O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, competirá en dirección e adaptación/tradución. E, por último, contan cun finalista: Idiota, de Redrum Teatro (actor protagonista); A compañeira de Piso, de Contraproducións e o CDG (actriz protagonista); e Karelu, dos Náufragos (actor protagonista).

Cartoóns, de Producións Teatráis Excéntricas; Lambetadas, de Talía Teatro, e Ummm! Unha comedia musical… para chupar os dedos, de Teatro Avento Producións competirán polo mellor espectáculo infantil.

Comentarios