Aurora Marco, a homenaxeada no Día das Galegas nas Letras 2023

A plataforma A Sega comunicou este sábado que a escritora é a elixida como a Nosa Señora das Letras
A investigadora Aurora Marco é catedrática xubilada de Didáctica da Lingua e Literatura Galega da USC (Foto: Pablo Ces).
photo_camera A investigadora Aurora Marco é catedrática xubilada de Didáctica da Lingua e Literatura Galega da USC (Foto: Pablo Ces).

A plataforma de crítica literaria A Sega anunciou este sábado que o Día das Galegas nas Letras homenaxeará este ano a Aurora Marco. Ao recibir a noticia, a autora indicou a través das súas redes sociais que lle enche “de satisfacción e orgullo” recibir este recoñecemento.

Marco destacou así que se une á lista de galardoadas “tan admiradas” como Dorothé Schubart (2014), Mª Victoria Moreno (2015), Mª Xosé Queizán (2016), Patricia Janeiro (2017), Marica Campo (2018), Xela Arias (2019), Inma António Souto (2020), Uxía Casal (2021) e Luísa Villalta (2022).

Aurora Marco, nada en Teruel en 1948, é unha profesora, investigadora, escritora e ensaísta galega. Filla dunha mestra, Marco e a súa familia trasladáronse a Ordes cando esta tiña só 9 anos. Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela (USC), cidade na que continúa residindo a día de hoxe.

Marco forma parte do comité honorífico da Sociedade Española de Didáctica da Lingua e Literadura (Sedll), da que foi presidenta, e tamén pertence á asociación para a igualdade de xénero e a cultura Clásicas e Modernas.

Entre outros premios, a escritora foi galardoada cos seguintes recoñecementos: o Premio Ánxel Fole de investigación literaria (1992), por Foula e Ronsel. Os anos xuvenis de Carvalho Calero (1910-1941); o Premio Mestre Mateo ao mellor documental 2011 por As silenciadas, que quionizou e coproduciu; Republicana de Honra da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (2014), polos seus traballos sobre memoria histórica das mulleres; ou, o máis recente, Premio Follas Novas do Libro Galego por Irmandiñas (2021).

Precisamente, sobre esta última obra -Irmandiñas- Aurora Marco explicaba en conversa con Nós Diario que é un intento de “recuperar, visibilizar, valorizar e homenaxear mulleres que se entregaron con paixón á defensa da terra e da lingua, ao espallamento do ideal galeguista e republicano, á escrita, ao ensino...”

Orixe deste recoñecemento

A Nosa Señora das Letras é un título creado en 2014 para destacar a figura daquelas mulleres que contribuíron á cultura galega en xeral e, concretamente, á literatura. Ao longo dos anos, foron destacadas numerosas mulleres de gran relevancia no panorama cultural galego.   

Comentarios