A Asociación A Pomba do Arco presenta as XXVI Xornadas de Historia de Foz

Antón Niñe, Alexandre Peres Vigo, Xavier Rivera e Alba Díaz Geada impartirán conferencias sobre diversos temas relacionados coa historia da Mariña.
A igrexa románica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, ergueuse sobre o vello 'Mosteiro Máximo' dos bretóns.  (Foto: Nós Diario)
photo_camera A igrexa románica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, ergueuse sobre o vello 'Mosteiro Máximo' dos bretóns. (Foto: Nós Diario)

A casa da cultura Poeta Manuel María de Foz acolle entre 31 de xullo e 3 de agosto unha nova edición das xornadas de historia de Foz, impulsadas pola asociación A Pomba do Arco, que leva xa 26 anos organizándoas.

As xornadas arrancan o 31 de xullo ás 20.30 horas cunha palestra de Antón Niñe sobre o artista mariñán Xosé Rivas, pai dos autores da imaxe da Virxe do Carme que se atopa na igrexa de Foz e diversas imaxes da Virxe do Carme de varias localidades galegas. Niñe repasará a obra artística do escultor e tallista de Riotorto. Veciño de Foz, Niñe é autor de diversas publicacións de temática histórica. 

O 1 de agosto, ás 20.30, intervirá Alexandre Peres Vigo, co relatorio San Martiño, Mailoc e o mosteiro Maximum. Peres Vigo é profesor da Universidade da Coruña, autor de numerosas publicacións no ámbito lingüístico e histórico, e coordinador da publicación colectiva Os reis e as raíñas da Galiza, impulsada por Sermos Galiza S.A. 

Vigo explicará as orixes da sé de San Martiño de Mondoñedo no século V e o papel desenvolto nese proceso pola comunidade de persoas procedentes das Illas Británicas instaladas nese período na Galiza e que tiñan como cabeza un bispo, o máis coñecido dos cales foi Mailoc. Vigo sustenta a tese de que o mosteiro Maximum dos bretóns estaba en San Martiño de Mondoñedo (Foz).

A cuarta 2 de agosto, ás 20.30 horas, é a quenda Xavier Rivera, que se achegará a II Guerra Mundial na Mariña. Rivera, xornalista de profesión, recuperará diversas batallas navais que se libraron fronte á costa da Mariña, entre 1942 e 1945, entre as forzas aliadas e os exércitos da Alemaña nazi. Asemade, dará conta das accións de comando desenvoltas polos aliados na Mariña, das redes de espionaxe a favor dos nazis e dos aliados. 

Xavier Rivera ten elaborado investigacións de diversos temas como a pesca da balea da Mariña. Nesta palestra sobre a II Guerra Mundial volve a un tema sobre o que ten publicados diferentes traballos. 

As xornadas conclúen o día 4 ás 20.30 horas cunha palestra sobre os motíns e as revoltas na Mariña do século XIX da doutora en Historia e profesora da Universidade de Compostela Alba Díaz Geada, quen atesoura unha longa traxectoria como investigadora, con diversos traballos referidos, particularmente, ao período contemporáneo. 

Coincidindo co importante ciclo de motíns en toda a Galiza arredor dos anos de 1891 e 1892, na Mariña rexístranse motíns en Barreiros, Cervo, Lourenzá, Trabada e Ribadeo, na maioría dos casos, dirixidos por mulleres.  

Comentarios