Foz ultima as xornadas de historia local

Do 1 ao 4 de agosto decorre a XXV edición das Xornadas de Historia Local de Foz, coa participación de Xoán Ramón Fernández Pacios, Eliseo Fernández, Dionisio Pereira, Martín Fernández Vizoso e Francisco Rodríguez.
As xornadas analizarán os diversos emprazamentos dos portos de Foz desde o século XV até 1935.
photo_camera As xornadas analizarán os diversos emprazamentos dos portos de Foz desde o século XV até 1935.

Xa pasaron vinte e cinco anos desde que se organizaran as primeiras Xornadas de Historia Local de Foz. En agosto de 1995, Suso Fernández, Antón Niñe, Ramón Eiras e Xoán Ramón Fernández Pacios foron os relatores daquel primeiro encontro. Despois de dous anos sen poder realizarse por mor da pandemia, as xornadas celebrarán a súa 25ª edición desde o 1 ao 4 do vindeiro agosto. 

Na presentación desta edición, o presidente da Asociación Pomba do Arco e un dos impulsores das xornadas na súa orixe, Marcelino Villarino, quixo lembrar “a todos aqueles que colaboraron connosco neste período e de modo moi particular a Suso Fernández, quen nos prestou a axuda necesaria para facer posíbel aquelas primeiras xornadas”.

Comezan o día 1 de agosto

As xornadas comezarán na segunda feira 1 de agosto as 20.30 horas, na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz, cunha palestra a cargo do historiador focego e cronista oficial da localidade Xoán Ramón Fernández Pacios titulada “Os portos de Foz”. O investigador analizará os diversos emprazamentos dos portos da localidade desde o século XV até 1935, significando que a localización actual do peirao non foi a única existente nestes cinco séculos. Pacios referirase, tamén, ao porto baleeiro do Rego de Foz do século XVII, así como a outras instalacións portuarias noutros lugares do concello. 

O 2 de agosto, no mesmo lugar e á mesma hora, está prevista unha palestra dos historiadores Eliseo Fernández e Dionisio Pereira sobre “A primeira guerrilla antifranquista na Mariña”. Fernández e Pereira son dous recoñecidos historiadores que na súa exposición van percorrer os primeiros pasos da guerrilla na Mariña e a súa evolución até 1939. Algúns dos temas serán a figura de Luis Trigo “Gardarríos”, a acción guerrilleira do grupo de Alejandro Temblas ou o asasinato das mulleres da familia Casabella en Ourol, cuxo crime está considerado como un dos máis crueis da represión na Galiza. 

O 3 de agosto, decorrerá unha palestra do xornalista e investigador cangués Martín Fernández Vizoso cun relatorio sobre “A masonería na Mariña”. Fernández Vizoso, xornalista de longa traxectoria e significado historiador da emigración mariñá achegarase ao movemento masón na Mariña durante o século XX, achegando información inédita da masonería na comarca. 

Fernández Vizoso analizará os núcleos masónicos existentes no período republicano -antes de que o franquismo iniciase unha persecución  brutal dos mesmos-, con loxas funcionando en Viveiro e membros illados noutros concellos que participan en loxas de Lugo, A Coruña, Ferrol ou Xixón. 

As xornadas serán clausuradas o día 4, no que o ensaísta e investigador Francisco Rodríguez Sánchez impartirá unha palestra titulada “O século XIV. Un momento decisivo para A Mariña”. Rodríguez explicará os cambios que se produciron na Galiza e na comarca no contexto dos enfrontamentos da guerra dos cen anos e do petrismo e o trastamarismo. A consecuencia destes feitos nacerá o Condado de Ribadeo, entregado por Enrique de Trastámara ao mercenario francés Pierre Villaines que o apoiou na guerra contra os galegos, a revolta dos veciños de Viveiro contra o bispo de Mondoñedo e a consecución da vila de reguengo ou a clausura do porto da Masma polos Trastámara, que fanará as posibilidades do desenvolvemento comercial de Foz.

Comentarios