As voces de Celanova e Baixa Limia

Como sabemos a literatura galega é inseparábel do seu contexto socio-político, ao que van ligadas as súas loitas pola visibilidade e unha boa parte da noción de conxunto que temos os seus escritores.
Casa de Curros Enríquez en Celanova, Casa dos Poetas
photo_camera Casa de Curros Enríquez en Celanova, Casa dos Poetas

Nese sentido, e na comparación odiosa con outras literaturas que tiveron mellor sorte histórica, queda sempre un paso por detrás o tratamento que lle damos á literatura local, a que está fixada a un territorio aínda máis reducido que o que loitamos a diario por visibilizar. Estas literaturas rexionais, tomadas ás veces cun certo escepticismo por parte dos axentes que se moven no campo nacional, poderían corresponder a un dos eidos máis marxinalizados da nosa cultura. E porén, a pesar diso, as realidades locais móvense profusamente e maniféstanse en iniciativas como o Día das letras chairegas ou en traballos editoriais de interese local específico como os que abundan en Ferrolterra. Na súa maioría corresponden a movementos artellados ao redor de asociacións, librarías ou pequenas editoras, e que aglutinan ademais a unha miríade de autores diversos.

A última achega deste fenómeno é a antoloxía Vieiros de palabra. Terra de Celanova-Baixa Limia en letras de autor, coordinado por Xoán Carlos Domínguez Alberte e que serve para conmemorar o cuarto de século da libraría Conde de Celanova cunha colección de voces vivas, tanto de autores consagrados, como de persoas relevantes do punto de vista cultural que achegan a súa particular visión destas terras e da súa ligazón con elas. Sen un tema nin un xénero específico, as distintas achegas van da creación literaria, aos apuntamentos de historia ou lingüística, pequenas anécdotas ou lembranzas asociadas a aquela terra.

É un punto a favor que, nun tempo no que a xente xa non nace nas casas familiares, senón no hospital máis próximo, e no que o vínculo sentimental cunha terra pasa tamén polas patrias de infancia ou as querenzas propias, a óptica da antoloxía non se cinga só ao lugar de nacemento e contemple estes lazos familiares, estas lembranzas doces e estas adscricións voluntarias. Ourensáns, vigueses e fillos da emigración americana, entre outras persoas, teñen acollida neste retorno á terra querida e comparten páxinas con aquelas que ficaron ao abeiro da mesma paisaxe, dándolle ao libro unha grande diversidade que redunda no seu valor.

Sen dúbida poucas rexións como a formada por esas dúas comarcas foron máis fértiles á hora de dar voces relevantes á historia da literatura galega. E da mesma forma, poucas están máis presentes na propia literatura que estes grandes autores producen, chamando xa dende os títulos de obras enormemente referenciais. Seguindo a estela de Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro, e sen obviar a Xosé Luís Méndez Ferrín, presente nesta antoloxía cunha anécdota da súa infancia en Vilanova dos Infantes, a contribución desa zona ao sur do país é recoñecida por calquera coñecedor das nosas letras. O que se cadra resulta menos coñecido é como se mantén esa fecundidade nos nosos días e a grande cantidade de voces que aínda hoxe ten alí a súa raíz. Dende a óptica aberta que antes coñecíamos figuras como Anxo Angueira, Xurxo Sierra Veloso, Ramón Nicolás ou Baldo Ramos, entre outras, desfilan polas páxinas destes Vieiros, comprobando que as dúas comarcas serán aínda durante moito tempo un celeiro destacado dos nosos valores literarios. Xunto a elas, persoas menos coñecidas para o grande público e testemuños de persoas que non se dedican á literatura evidencian que o traballo continúa e que as redes dunhas sociedade culta e comprometida nacen entrelazadas dende a mesma veciñanza, comparten intereses comúns, e falan xuntas cun acento arraiano moi similar.

Comentarios